Pretenden que TikTok desapareza das tendas de aplicacións móbiles en xaneiro

luns, 16 de decembro do 2024 Redacción

O procedemento contra TikTok nos EE.UU. que pretendía esixir a venda da plataforma social para que deixase de pertencer maioritariamente a unha compañía chinesa para «protexer aos usuarios estadounidenses de TikTok fronte ao Partido Comunista Chinés» segue adiante, rexentándose as alegacións por parte de ByteDance, e agora o Comité Selecto da Cámara sobre a Competencia Estratéxica entre os Estados Unidos e o Partido Comunista Chinés enviaron cartas aos máximos responsables de TikTok, Apple e Google tras a opinión unánime de 3-0 do Tribunal do Distrito de Columbia, que respaldou a Lei para Protexer aos Estadounidenses de Aplicacións Controladas por Adversarios Estranxeiros.
Na carta dirixida ao director xeral de TikTok, Shou Chew, os lexisladores sosteñen que «o Goberno actuou exclusivamente para protexer a liberdade fronte a unha nación adversaria estranxeira e para limitar a capacidade dese adversario para recoller datos sobre persoas nos Estados Unidos e rexeitou todas as reclamacións constitucionais de TikTok» polo que instan a TikTok a executar de inmediato un desinvestimento cualificado, mentres que aos directores xerais de Google e Apple os lexisladores comunícanlles que «sen un desinvestimento cualificado, a Lei fai ilegal proporcionar servizos para distribuír, manter ou actualizar esa aplicación controlada por un adversario estranxeiro (incluído calquera código fonte desa aplicación) mediante un mercado (incluíndo unha tenda de aplicacións móbiles en liña) a través do cal os usuarios dentro das fronteiras terrestres ou marítimas dos Estados Unidos poidan acceder, manter ou actualizar esa aplicación», ou sexa, que salienta que en cumprimento coa lexislación estadounidense Apple e Google deben tomar as medidas para bloquear o uso de TikTok antes do 19 de xaneiro de 2025.