Preto de 150 investigadores da UDC celebrarán a Noite Europea das Persoas Investigadoras

martes, 27 de setembro do 2022 Redacción

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o concelleiro de Educación da Coruña, Jesús Celemín, a directora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya, e a directora Técnica do Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol, Anne Gosset, presentaron esta mañá na Reitoría as actividades previstas pola UDC para a Noite Europea das Persoas Investigadoras, que terán lugar o vindeiro 30 de setembro e nas que xuntarán a preto de 150 persoas entre persoal investigador e técnico.
A UDC, a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural, súmase por segunda vez a esta celebración que se desenvolve de forma simultánea en 400 cidades de Europa. En Galicia están organizadas polas tres universidades públicas con actos nas sete cidade baixo o nome de G-NIGHT.
O reitor explicou que unha das funcións da Universidade é divulgar a ciencia e “nunha cidade como A Coruña, cunha rede de museos científicos e un museo nacional é difícil estár á altura, polo que agradezo especialmente a colaboración do Concello”. Para Abalde “os nosos investigadores son capaces de facer investigación de vangarda e explicar de forma divulgativa a ciencia e a tecnoloxía”, e resaltou a importancia de achegala sobre todo aos rapaces e rapazas máis novos tanto para espertar vocacións científicas como para mantelas na educación secundaria e no bacharelato. O concelleiro de Educación subliñou a aposta do goberno local pola ciencia e declarou que “me parece esplendoroso e emocionante que en toda Europa se desenvolvan actividades de ciencia” de forma simultánea. “A Coruña é unha cidade científica”, definiu e animou a toda a cidadanía a participar das actividades propostas pola Universidade da Coruña para esta celebración.
Neste sentido, a directora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya, detallou as diversas actividades propostas pola UDC pensadas para acoller a máis de 2.000 persoas (1.500 na cidade da Coruña e 600 en Ferrol). Pola súa banda, a directora técnica do Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) de Ferrol, Anne Gosset, explicou as previstas para o Campus Industrial de Ferrol.
Durante a xornada os asistentes terán a oportunidade de participar en obradoiros, charlas divulgativas, rutas científicas, experimentos, conferencias, dirixidas para todo tipo de público: infantil, xuvenil, familiar, escolar, adulto etc. independentemente da súa formación e coñecementos. Todas as actividades son de balde.

PUBLICIDADE