Preto de 24 mil profesionais conforman o sector TIC galego

luns, 6 de xullo do 2026 Redacción

O sector tecnolóxico galego mantén a súa senda de crecemento, tanto en emprego como en número de empresas. Entre 2021 e 2025 creou 3.253 postos de traballo, ata alcanzar os 23.993 profesionais, mentres que o tecido empresarial TIC medrou ata as 3.179 compañías, un 2,3 % máis ca no ano anterior, o que permite a Galicia conservar a quinta posición no conxunto do Estado.
No plano económico, o sector achega máis de 1.983 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB), o equivalente ao 2,58 % do PIB galego. Pola súa banda, o volume de negocio incrementouse un 5,9 % e sitúase en 3.932 millóns de euros. En materia de emprego, o 68,4 % das empresas TIC galegas segue a considerar difícil ou moi difícil atopar profesionais con formación en disciplinas STEM, aínda que esta porcentaxe reduciuse en 10,8 puntos respecto ao exercicio anterior.
A intelixencia artificial consolídase como a tecnoloxía con maior implantación no sector, xa presente no 67,4 % das empresas TIC, o que representa un incremento do 76 % fronte ao ano anterior. As aplicacións máis estendidas son as ferramentas de xeración de linguaxe natural (75,1 %) e as técnicas de aprendizaxe automática (machine learning) aplicadas á análise de datos (46,1 %).
Estes datos recóllense no estudo Galicia Dixital: o Sector TIC de Galicia 2025, elaborado anualmente polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da AMTEGA, do que hoxe tomou coñecemento o Consello da Xunta xunto co Plan de traballo 2026 e o balance de actividade correspondente a 2025.
O OSIMGA, que desenvolve esta actividade en colaboración co Instituto Galego de Estatística, é o organismo encargado de medir a evolución da dixitalización en Galicia e de facilitar o seguimento e a avaliación das actuacións previstas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
O Plan de traballo 2026 prevé incorporar novos indicadores e actualizar a metodoloxía dos estudos do Observatorio para adaptalos á evolución da transformación dixital e ofrecer unha visión máis precisa da penetración das tecnoloxías innovadoras na sociedade, nas administracións públicas e no tecido empresarial.
Durante este exercicio publicaranse novas edicións dos estudos sobre a sociedade dixital no rural, infancia e adolescencia, persoas maiores, sector TIC, software libre, administración dixital e intelixencia artificial.
Tamén continuará a modernización da páxina web do Observatorio coa incorporación de novas funcionalidades, gráficas interactivas, infografías e unha mellor integración do cadro de mando de indicadores para facilitar a consulta da información. Ademais, difundiranse novas pílulas audiovisuais cos principais resultados dos estudos elaborados polo OSIMGA.
O balance de actividade correspondente a 2025 indica que o Observatorio elaborou 43 informes e cumpriu o 100 % dos compromisos recollidos no Programa Estatístico Anual da Comunidade Autónoma de Galicia.
Entre as novidades dese exercicio figuran a publicación do primeiro estudo sobre ciberseguridade nas empresas galegas, a incorporación de novas liñas de análise sobre tecnoloxías innovadoras e a actualización dos informes sobre competencias dixitais da cidadanía, persoas maiores e talento STEM. Tamén se adaptou o cadro de mando ao Sistema de Indicadores da Sociedade da Información, integrado por 975 indicadores que permiten seguir de forma continua a evolución da dixitalización en Galicia.
Ao longo de 2025 completouse igualmente a renovación da páxina web do Observatorio, mellorando a navegación e o acceso aos informes e indicadores, ao tempo que se incorporaron novos formatos divulgativos, como as pílulas audiovisuais dos principais estudos e un boletín electrónico trimestral que xa supera as 3.350 persoas subscritoras.