Preto de 4.000 persoas participaron nas actividades da 10ª edición das JAI

luns, 17 de febreiro do 2025 S. P.

O pasado 10 de febreiro Galicia volveu ser referente nos ámbitos tecnolóxico-industriais de vangarda. O motivo foi a inauguración das JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial), que celebraron durante toda a semana (do 10 ao 14) a súa décima edición na Escola de Enxeñería Industrial da UVigo co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduciu en máis de 40 horas de relatorios sobre dixitalización e robótica.
Participaron no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial preto de 2.000 especialistas nas tecnoloxías máis avanzadas, aos que se sumaron as persoas que visitaron as JAI sen inscrición, por exemplo o alumnado da propia EEI (1.500 estudantes) e da Universidade de Vigo, o profesorado e as comunidades educativas dos centros de FP de Galicia que visitaron as xornadas. En total, rexistráronse máis de 4.000 asistentes, segundo fixeron saber fontes da UVigo.
O seu organizador, o profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, recoñeceu que as xornadas saíron a pedir de boca, mesmo dende a fase de organización. “Practicamente todos os relatores que convidamos aceptaron, moitos deles grandes directivos de empresas punteiras e investigadores de prestixio internacional”. Tamén o cambio de data resultou un éxito, xa que o evento víñase celebrando en novembro. A resposta o público tamén superou as expectativas, tanto por parte dos profesionais do sector, como do alumnado e tamén da cidadanía, explicou Armesto, sinalando que foi “moi sorprendente a cantidade público alleo que asistiu, sobre todo ao showroom, ao que se achegaron estudantes e docentes de 30 universidades e de 27 centros de secundaria e moitos rapaces e rapazas cos seus pais e nais alo longo da semana”. Nisto tivo moito que ver a despregadura robótica que acolleu o vestíbulo da EE Industrial do campus, con tres robots de Unitree, destacando especialmente o innovador bípedo G1, que durante a primeira xornada das JAI foi “un protagonista indiscutíbel”. Xunto con el, o Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI.
“A resposta da xente foi tan boa e a asistencia superou con moito a capacidade do salón de actos da escola”, explicou Armesto, engadindo que “foi preciso habilitar unha aula para que máis de 150 persoas puidesen seguir a súa intervención a través de pantallas”. Pero isto non foi de abondo e, a maiores, a organización decidiu emitir o relatorio en directo tamén nas pantallas do vestíbulo onde tiña lugar o showroom.
Ao longo das xornadas bordáronse temas claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexíbel, robótica móbil, conectividade IT/OT, Intelixencia Artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, automatización intelixente, inspiración biónica, IoT (Internet das Cousas), seguridade en máquinas, etc.
Ademais dos relatores houbo varias mesas redondas: a primeira sobre robótica, automatización e IA e as claves do futuro 5.0; a segunda sobre ciberseguridade industrial; e a terceira sobre investigación en robótica, na que se deron cita catro catedráticos e investigadores de gran renome neste eido procedentes das universidades nacionais e internacionais.
En total, ao longo das cinco xornadas interviñeron relatores procedentes de empresas e entidades como por exemplo Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, FINSA, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron, Russula, Stellantis ou KPMG.
Entre os convidados máis relevantes, contouse coa presenza de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal, ou do catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, quen abandeirou equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartiu a conferencia maxistral de peche. Tamén estiveron nas JAI o catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico III, centrado ultimamente en robótica biomédica e a do doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Xangai Pulmonary Hospital, na China.
Na inauguración a vicerreitora Belén Rubio destacou o papel das JAI para “innovar, establecer sinerxías co sector produtivo e conectar a educación e a ciencia coa tecnoloxía e co progreso da sociedade”. Por telo conseguido felicitou ao profesor José Ignacio Armesto e ao director da EEI, José Fariña.
Todas autoridades que interviñeron na apertura coincidiron en recoñecer o esforzo, a perseveranza e a constancia de Ignacio Armesto. O alcalde da cidade, Abel Caballero, agradeceulle o ter organizado un evento “dificilmente igualábel en ningún lugar do mundo” e lembrou que o xermolo da futura factoría de chips fotónicos está na UVigo.
No acto de apertura interveu tamén o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso, que se amosou emocionado de regresar á escola na que se formou como enxeñeiro hai case 30 anos e que mantén “un sólido compromiso coa excelencia educativa e coa innovación”. David Regades, delegado da Zona Franca, agradeceu a organización dunhas xornadas que son un exemplo de “motivación” para os estudantes de últimos cursos de secundaria, para o alumnado dos graos, para as empresas e para as administracións. Unhas xornadas que, segundo José Alberto Díez de Castro, secretario Xeral de Universidades, “pasaron de ser unha acción complementaria a ter personalidade propia”.