Preto de 500 centros educativos da nosa terra promoven este curso as navegacións seguras entre o alumnado
martes, 19 de decembro do 2023
A
Consellería
de Cultura e Educación realizou un balance da actividade prevista
este curso para seguir promovendo as formacións tecnolóxicas nos
centros educativos e os usos racionais, útiles e seguros das novas
ferramentas. Segundo fixo saber, preto de 500 centros escolares
reforzarán este curso as competencias dixitais do seu alumnado a
través de programas específicos de educación no uso seguro e
responsábel das redes e a Internet.
Trátase
de iniciativas da Consellería de Cultura (nalgúns casos en
colaboración con entidades vinculadas ao ámbito das novas
tecnoloxías) ás que os colexios e institutos se adhiren de xeito
voluntario. Enmárcanse nunha aposta polo ensino dixital e polas
competencias pedagóxicas axeitadas para o uso destas ferramentas,
permitindo (entre os alumnos) un coñecemento útil dos riscos
asociados ao ciberacoso.
Unha
das accións que máis acollida ten por parte dos centros é o
programa Navega con Rumbo que a Consellería realiza co apoio
do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e que
este curso chega a 218 colexios e institutos de toda Galicia.
Esta
colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, está
dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP
Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar
que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da
rede. A través deste programa faise partícipe a profesorado e
familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que
tamén sexan transmisores para o alumnado.
Ao
abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática
levan a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en
colexios e institutos. Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en internet
dirixida aos estudantes, proxenitores ou titores, e ao profesorado
accesibles tanto en soporte dixital como en formato impreso nos
propios centros. Desde a súa posta en marcha, Navega con Rumbo
levou a cabo máis de 2.000 accións.
Así
mesmo, un total de 130 centros escolares de toda Galicia veñen de
ser seleccionados para participar por primeira vez no programa
Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, no que
participan 203 centros con alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO. Trátase
dunha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración coa
Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) que ten
como finalidade “ofrecer aos adolescentes información e
ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o
uso responsábel, útil, seguro e ético destas novas formas de
comunicación e interacción”. Para iso, refórzase a competencia
básica dos estudantes en seguridade na xestión dos seus perfís nas
redes sociais; explícanse os conceptos de identidade e pegada
dixital, e afóndase na configuración das opcións de seguridade e
privacidade das redes sociais máis actuais entre a rapazada. Tamén
se ofrecen ferramentas e se explican recursos aos que poder acudir
cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.
Por
outra parte, lévanse realizados máis de 1.500 relatorios en materia
de ciberseguridade en centros de ensino ao abeiro do Plan Director
para a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa
contorna, impartidos por axentes e expertos das Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado. Tamén en colaboración con eles, 34 centros
galegos participan este trimestre na CiberLiga preamateur de
ciberseguridade.
Así
mesmo, iniciativas como Educación Responsable (coa participación de
42 centros) e o premio de boas prácticas ConVivimos afondan no
benestar emocional, tratando tamén a educación dixital. No eido das
familias, a capacitación no uso seguro da Internet abórdase
igualmente desde as escolas de nais e pais.
No
que atinxe aos docentes, a Consellería de Educación achega o Plan
anual de formación do profesorado, que inclúe accións
especializada neste ámbito para que conten cos coñecementos e as
ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional nun
entorno cibernético seguro.