Preto de 6.000 pacientes cardiolóxicos reciben asistencia a domicilio con TELEA

luns, 17 de febreiro do 2025 S. P.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño informou que preto de 6.000 pacientes cardiolóxicos reciben a día de hoxe asistencia a domicilio a través da plataforma TELEA (Teleasistencia Domiciliaria). Fíxoo no transcurso da apertura do I Simposio de Innovación en Cardioloxía, que organiza o Servizo de Cardioloxía do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, na que participou de xeito telemático.
Gómez Caamaño subliñou que o Servizo Galego de Saúde ten implantada en todas as áreas sanitarias a interconsulta electrónica en cardioloxía, á que definiu como “unha ferramenta que favorece a conexión directa entre profesionais de atención primaria e hospitalaria e facilita o seguimento ou derivación do paciente cando sexa estritamente necesario”.
Sinalou que o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo é “punteiro no eido da Cardioloxía” e destacou “a aposta decidida do departamento sanitario galego pola tecnoloxía máis innovadora, consolidando, deste xeito, o uso da telemedicina en todo o Servizo Galego de Saúde”.
Xunto aos avances de seguimento de pacientes crónicos cardiolóxicos a través da plataforma TELEA, Gómez Caamaño sinalou tamén que no mes de decembro Galicia converteuse “na primeira comunidade española en integrar os seus servizos de emerxencias sanitarias coa aplicación móbil Ariadna, co fin de incrementar a taxa de supervivencia á parada cardíaca en espazos públicos”.
TELEA, en palabras da Consellería de Sanidade, é unha plataforma tecnolóxica que destaca por presentar unha dobre funcionalidade; por unha banda de cara ao paciente, introducindo datos sobre o seu estado de saúde na aplicación e, polo outra, de cara ao profesional, que visualiza e valora toda esta información na historia clínica do paciente de forma proactiva para poder monitorizar a súa evolución mentres o paciente se encontra no domicilio. Así mesmo, tamén conta coa posibilidade de utilizar mensaxería, chamada telefónica e vídeo-consulta, o “que facilita enormemente a comunicación entre pacientes e profesionais sanitarios”.