Preto de 70 centros educativos galego-portugueses participan no 30 aniversario de Ponte nas Ondas
xoves, 27 de marzo do 2025
- Fotos da celebración de Ponte nas Ondas de Cristina Rocha
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO!), centrada en consolidar e amplificar as pontes culturais que unen as mocidades de Galicia e Portugal (botando man de canles innovadoras como o formato podcast) celebrou o seu 30 aniversario desde diferentes puntos de ámbalas beiras da raia. A asociación, que é ONG consultora de patrimonio inmaterial para a UNESCO, reuniu a case 70 centros educativos galegos e portugueses nesta gran festa, que tivo nove puntos de emisión en directo e na que participou alumnado de todas as etapas formativas: infantil, primaria, secundaria, bacharelato e universitaria.
Valença do Minho (Alfândega) e Lisboa (Instituto Ginés de los Ríos), en Portugal, e en Galicia: Allariz (Radio Allariz), a Costa da Morte (Vimianzo, Auditorio Municipal), Lugo (Auditorio Fuxan os Ventos), Ourense (Auditorio Marie Curie da Facultade de Educación), Pontevedra (Pazo da Cultura), Santiago de Compostela (Facultade de Ciencias da Comunicación), Vigo (Auditorio do Ed. Miralles). Son os nove puntos desde o que se emitiu unha programación especial de catro horas en directo. Foi unha retransmisión “radiovisual”, en palabras dos responsábeis de PNO, que puido seguirse este mércores 26 de marzo en directo desde a web da asociación e o portal Escolas nas Ondas.
A de Esther Vázquez, unha rapaza á que hai trinta anos en 1995 lle tocou cun “Bon día Condado!” ser a primeira en falar diante dos micrófonos de PNO!, é unha das mensaxes especiais que chegou para este día de aniversario. Ela segue involucrada no mundo da comunicación, ao igual que Raquel Atanes, presentadora de magazines na TVG que lembra con afecto o importante que foi para ela esa primeira experiencia diante dos micrófonos. O mesmo que para Xosé Manuel Diego, outro xornalista que este mércores abría a emisión desde Santiago de Compostela, e que sendo neno participou activamente nas actividades de PNO! no seu Gondomar natal e que hoxe segue involucrado coa asociación.
“O noso futuro vai da man do noso pasado”, sostivo o alumnado do IES de Ordes na emisión en directo desde Santiago de Compostela, engadindo que “hai que conservar a nosa tradición, pero o máis importante é que siga viva, sen perder a súa esencia e a súa conexión coa tradición, e para iso hai que adaptala ao presente”.
Polo que se refire á vertente musical da celebración, contouse cun convidado moi especial: o recentemente inaugurado Auditorio Fuxan os Ventos recibiu a Antón Castro, unha das voces e tamén instrumentista do grupo que lle dá nome ao Auditorio. Acompañado da súa zanfona, Antón deu unha lección maxistral sobre os cantares de cegos e cegas que, malia non ver, “eran quen de contar historias e mesmo ir contra o que estaba establecido”. Ao tempo, no evento de Pontevedra, o alumnado da Facultade de Comunicación, conducía un bloque dedicado á música emerxente e os novos talentos musicais galegos.
En toda a programación houbo unha ampla e diversa participación de portadores do patrimonio cultural inmaterial: redeiras, oleiros, contadores, regueifeiros etc, que foron entrevistados e realizaron en directo demostración dos seus saberes. Así por exemplo, alumnado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso organizou unha Viaxe no tempo polos oficios tradicionais, contando para esta aventura representada enriba do escenario do Auditorio Municipal de Vimianzo cun grupo de artesáns da zona, aprendendo por exemplo en que consiste a cestería.
No mesmo escenario foi posíbel ver ao alumando do CEIP Labarta Pose de Zas conversando con Carmen Riveiro, do Museo do Liño, quen fixo demostración en directo dos traballos tradicionais asociados.
Tamén se contou coa presenza de Constante González, entrevistado polo alumnado en Vigo. Constante, artesán da madeira da parroquia de Cabreira, en Salvaterra de Miño, dedicouse durante a súa vida laboral á carpintería de portas e xanelas, pero desde xubilado, explicou e mostroulle ao alumnado as pezas artísticas de incrible beleza que elabora entre outras con madeira de freixo, nogueira ou acacia.