Preto de 700 persoas inscribíronse xa nos cursos de formación online de Fórmate Lugo

luns, 29 de xuño do 2020 Sonia Pena

O Concello de Lugo vén de facer balance da participación no seu programa de formación online anti-COVID, un completo feixe de 50 obradoiros gratuítos para persoas maiores de 16 anos cuxos detalles podemos consultar na web de Fórmate Lugo e que, tocan tematicamente, 14 áreas profesionais. (por exemplo idiomas, mercadotecnia, administración de empresas, informática, loxística, turismo, industria alimentaria ou prevención contra a COVID19, entre outras cuestións).
Segundo fixo saber o Concello, os cursos xa están neste intre achegando as súas últimas prazas. Realizaranse de xeito telemático para garantir ao máximo a seguridade sanitaria dos participantes. O Goberno local engadiu que preto de 700 lucenses inscribíronse xa nestes obradoiros que o Concello puxo a disposición das persoas desempregadas, en ERTE ou en situación de cese de actividade (autónomos).
Tras completarse máis do 50% das prazas ofertadas en menos dunha semana, o Concello abriu a matrícula a todas as persoas empadroadas en Lugo, co único requisito de ser maiores de 16 anos, a través da devandita páxina web.
Comezo desta semana só quedaban 180 prazas vacantes.
Os cursos realizaranse de forma totalmente online nunha plataforma dispoñíbel as 24 horas do día, todos os días da semana, “para maior comodidade do alumnado”. Ademais, poderase acceder dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tableta ou móbil. As horas de aprendizaxe dependerán de cada curso, pero oscilan entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.
As persoas que completen satisfactoriamente unha actividade online recibirán un diploma acreditativo emitido polo Concello de Lugo.

PUBLICIDADE