Preto do 70% dos empregados das empresas tecnolóxicas de Galicia conta cunha titulación universitaria

luns, 24 de xuño do 2024 S. P.

O servizo de emprego do Clúster TIC Galicia vén de presentar o mapa de titulacións do equipo humano das súas empresas socias, do que se desprende que o 67,2% dos empregados das compañías tecnolóxicas conta cunha titulación universitaria (grao ou licenciatura), un 28,5% con Formación Profesional de grao superior e un 4,3% con outros estudos, ciclos de grao medio ou bacharelato.
Respecto ao tipo de titulacións, no caso das universitarias, un 71% están relacionadas con disciplinas STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). En canto aos ciclos formativos de FP superior, o 80,4% son de ámbito tecnolóxico, de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma (DAM), Desenvolvemento de Aplicacións Web (DAW) ou de Administración de Sistemas Informáticos en Rede.
O informe tamén extrae os datos do cadro de persoal de organizacións do ecosistema TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) presentes no Clúster, é dicir, aquelas firmas que prestan apoio ou servizos ao sector tecnolóxico. Neste eido, un 82,5% dos empregados ten unha titulación universitaria, aínda que só o 26,3% está vinculada a áreas STEM. Se poñemos o foco nos profesionais con FP de grao superior, un 73,3% cursou ciclos formativos vinculados á contorna tecnolóxica (DAM, DAW ou Sistemas).
“Estes datos sérvenos para coñecer como está estruturado o capital humano dos nosos asociados de cara ao deseño dun mapa de titulacións que se poida extrapolar ao sector tecnolóxico galego, pero tamén co obxectivo de achegar esta información ao Plan Director da industria das TIC, que está a redactar a Secretaría Xeral de Industria”, sinalou Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Cifras do sector
O servizo de emprego da asociación, posto en marcha en 2023, está así a recadar información de diversa índole entre os seus asociados (emprego creado, tempo medio de recrutamento, fontes de selección de persoal, rotación no sector, salarios medios por posto, etc.) co propósito de “obter cifras obxectivas que poidan ser de interese para o deseño do Plan Director da industria das TIC ou para o Servizo de Emprego Público de Galicia”.
Así, o pasado ano, a entidade deu a coñecer o número de vacantes rexistradas nas compañías socias, máis de 260, así como as capacidades e ocupacións dos seus profesionais. “Este servizo tamén pretende axudar aos asociados a atopar o talento cualificado que precisan e promover que se establezan políticas de formación orientadas a cubrir estas vacantes”, afirma del Corral, engadindo que esta análise da situación de partida no sector “é de gran utilidade para establecer as medidas necesarias para impulsar e fortalecer a actividade industrial TIC de Galicia a nivel nacional e internacional, así como para promover a creación e mantemento do emprego no sector”.
140 socios
Actualmente, o Clúster TIC Galicia está conformado por 140 socios, entre grandes empresas (24), pequenas empresas (112) e centros tecnolóxicos, colexios e asociacións profesionais (4), que supoñen unha facturación conxunta de máis de mil millóns de euros e ao redor de 14.000 traballadores.

PUBLICIDADE