Preto dun centenar de persoas formáronse nos cursos tecnolóxicos de Poio
martes, 3 de decembro do 2024
O Concello de Poio formou este ano a preto dun centenar de persoas en alfabetización e competencias dixitais, a través de oito cursos que se desenvolveron ao longo de todo este ano na Aula da Reiboa. A semana pasada a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, entregou os diplomas á última promoción de participantes, que durante as oito convocatorias foi maioritariamente feminina. De feito, 9 de cada 10 alumnas foron mulleres.
Estes cursos gratuítos ofreceron ás alumnas os coñecementos básicos para que poidan realizar comunicacións e transaccións seguras en liña, utilizando os seus propios dispositivos electrónicos e familiarizándose con novas oportunidades de formación e aprendizaxe. Durante 32 horas, en horario de mañá ou de tarde, aprenderon a identificar, localizar, analizar e almacenar os contidos dixitais, comunicarse e interactuar en contornas dixitais, crear e editar contidos ou coñecer medidas de seguridade para protexer información e datos persoais.
“Foi unha oportunidade para profundar en ferramentas dixitais fundamentais para mellorar a súa empregabilidade e favorecer a busca de emprego a través da rede, pero que tamén van ser útiles para facilitar as súas xestións administrativas”, explicou Maritxe González, que agradeceu a implicación de todo o alumnado, que amosaron grande interese nestas formacións completándose as prazas dispoñíbeis en cada unha das edicións.
Cursos en decembro
Por outra banda, na Aula CeMIT de Poio, situada en Combarro, impartiranse no mes de decembro sesións de memoria para adultos a través de Internet, así como cursos de edición de texto nos niveis iniciación e medio, enderezo electrónico e uso seguro do móbil.
As inscricións pódense facer, de xeito gratuíto, no correo electrónico cemit.poio@xunta.gal.
A maiores, calquera usuario que o desexe pode facer uso da aula aberta, que estará dispoñíbel para o acceso libre de luns a venres de 10.00 a 11.00 horas e de 12.30 a 13.30 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.