Prevén captar máis dun cento de científicos internacionais cos novos programas do plan de I+G+i
martes, 16 de xuño do 2026
A Xunta prevé incorporar máis dun cento de investigadores de proxección internacional a través dos novos programas incluídos no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. Así o avanzou no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, durante unha comparecencia no Pleno na que fixo balance dos avances rexistrados na metade da execución desta folla de ruta.
Os datos presentados evidencian progresos na captación de talento investigador de alto nivel para os centros científicos galegos, un dos obxectivos estratéxicos da marca Galicia Calidade. Entre as iniciativas previstas figura Talentgal, programa que permitirá a chegada de 40 profesionais e que xa ten aberta a convocatoria correspondente aos primeiros 20 contratos.
A Fundación Galtia, concibida como o principal instrumento impulsado ata agora para atraer talento científico, xa está constituída e avanza nos preparativos da súa primeira convocatoria, prevista para os próximos meses. O obxectivo é alcanzar progresivamente a incorporación de 30 investigadores de prestixio internacional. Tamén se reforzará o programa Oportunius, dirixido a persoas beneficiarias das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC), que incorporará cinco novos investigadores en 2027. Ademais, o Executivo galego prevé lanzar ese mesmo ano a primeira edición do Programa Retorna Talento I+G+i, destinado a facilitar o regreso de científicos galegos que desenvolven a súa carreira no exterior.
Segundo destacou Román Rodríguez, Galicia está a incrementar a captación de recursos, reforzando o seu ecosistema científico e tecnolóxico e consolidando posicións en ámbitos nos que ata hai poucos anos resultaba difícil imaxinar un papel protagonista. O conselleiro sostivo que a comunidade é cada vez máis atractiva para investigar, innovar, emprender e desenvolver proxectos de alto valor engadido.
Aposta decidida pola IA e cuántica
A combinación entre intelixencia artificial e biotecnoloxía materializarase na futura Fábrica Europea de IA 1HealthAI, centrada nunha abordaxe integral da saúde humana, animal e ambiental. Trátase dunha das 19 infraestruturas deste tipo previstas en toda Europa. Román Rodríguez explicou que xa está a iniciarse a contratación dos primeiros profesionais coa intención de que a instalación estea plenamente operativa en 2028.
Galicia tamén deu pasos significativos no desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas. Entre Santiago e Vigo xa funciona a liña de comunicacións ultrasexuras máis longa de España, cun percorrido de 120 quilómetros, que se ampliará ata Portugal. Esta conexión integrarase nunha rede europea de comunicacións de máxima seguridade.
O CESGA afronta igualmente o maior investimento da súa historia, cunha dotación de 56 millóns de euros. O plan inclúe a incorporación dun novo supercomputador que multiplicará por sete a capacidade actual e a instalación de dous computadores cuánticos no novo edificio da Sionlla, previsto para entrar en funcionamento a finais deste ano.
Nova de Lei de Ciencia e innovación
Román Rodríguez salientou que os resultados obtidos ata o momento están a ser «extraordinarios» e lembrou que o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 mobiliza o maior investimento realizado ata agora en I+G+i, cun total de 1.310 millóns de euros. O orzamento deste exercicio incrementouse un 9 % respecto ao ano anterior e duplica o destinado hai cinco anos.
O conselleiro tamén abordou os traballos para a futura Lei de Ciencia e Innovación de Galicia, que o Goberno autonómico aspira a que entre en vigor en 2027. A previsión é que o texto articulado poida publicarse e someterse a consulta pública durante o outono.
A nova normativa actualizará o marco legal para reforzar a carreira investigadora, consolidar as políticas de captación de talento e integrar o papel da Fundación Galtia. Tamén incorporará instrumentos orientados á transferencia de coñecemento, á valorización dos resultados da investigación, ao impulso de empresas de base científica e tecnolóxica e ao fortalecemento da colaboración público-privada. Ademais, promoverá unha maior coordinación entre os distintos axentes do ecosistema científico e facilitará a extensión da innovación ao conxunto do territorio mediante os plans locais de I+D+i, unha iniciativa pioneira en España.
Fabricación en Galicia dun prototipo para o CERN
Outro dos proxectos de maior proxección internacional nos que Galicia aspira a desempeñar un papel relevante está vinculado ao futuro colisionador de partículas que o CERN prevé construír na fronteira entre Francia e Suíza, considerado unha das grandes infraestruturas científicas das próximas décadas.
Actualmente permanece aberta a consulta preliminar ao mercado para que as empresas interesadas poidan participar no desenvolvemento do prototipo. Posteriormente tramitarase unha compra pública precomercial grazas á colaboración entre a Xunta, o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Se existe unha resposta positiva do sector, a previsión é que a construción do prototipo desde Galicia poida iniciarse ao longo de 2027.
