Prime Video incorpora á súa tenda máis de 300 tempadas de series de televisión

luns, 16 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Prime Video anunciou unha ampliación significativa da súa oferta en España a partir de hoxe, cando pasan a ofrecerse máis de 300 tempadas de series de televisión para a súa compra, ofrecendo así máis opcións e flexibilidade para acceder aos nosos contidos favoritos (aínda que na meirande parte dos casos é bastante máis económico subscribirse a unha plataforma que inclúa algunha das series de interese). O catálogo de series irase ampliando para incluír éxitos recentes como La casa del dragón e The Walking Dead: Daryl Dixon, así como clásicos como Friends, Mad Men e Sexo en Nueva York.

Como oferta de lanzamento series como Tulsa King ou Ley y Orden: Acción Criminal permiten adquirir as súas primeiras tempadas a un prezo de 4,99 euros.
O director de TVOD de Prime Video en Europa, Stephan Bauer, asegura que «esta expansión representa un paso significativo na nosa misión de ofrecer unha experiencia de lecer integral aos nosos clientes en toda Europa, combinando a nosa oferta actual en Prime Video coa posibilidade de alugar ou comprar películas e, agora tamén, adquirir series». Engade que «esta nova incorporación mellorará a experiencia de selección de contidos para os nosos clientes en España, Italia e Francia».