Primeiras imaxes de Marvel’s Guardians of the Galaxy: The Telltale Series

venres, 10 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Telltale Games anunciou a finais de 2016 que estaba a traballar nun videoxogo baseado en Guardianes de la Galaxia, personaxes da Marvel que gozan de grande sona dende a súa chegada á grande pantalla e que en breve terán un segundo filme, de aí que queiran aproveitar o pulo para lanzar unha aventura gráfica na liña dos xogos que xa puidemos ver baseados noutras franquías da banda deseñada como Los Muertos Vivientes, Batman ou Fábulas.
Até o momento pouco se sabía deste xogo de Telltale e, aínda que esperábase que fose a ter unha aparencia moi próxima aos cómics, parece que finalmente os personaxes adoptarán unha estética máis fiel aos filmes con actores reais (aínda que lixeiramente caricaturizados e sen contar coas súas voces orixinais) polo que podemos ver nas primeiras imaxes publicadas do xogo. De feito, a formación do grupo tamén será a dos equipo da primeira produción cinematográfica: Star-Lord, Gamora, Rocket Raccoon, Groot e Drax.
Telltale tamén vén de publicar a sinopse do xogo: No fragor dunha épica batalla os Gardiáns descobren un artefacto de poder indescritible. Cada un deles ten unha razón para desexar tal reliquia, como unha desapiada inimiga que é a derradeira dos seus, e que non parará ante nada para arrebatarlla das súas mans.
Unha vez máis, as decisións que tome o xogador afectarán ao desenvolvemento desta historia episódica que lanzarase en primavera e repartirase en cinco entregas.

PUBLICIDADE