Primux incrementa as prestacións do seu buque insignia, o terminal Sigma

luns, 6 de outubro do 2014 Redacción

O fabricante galego Primux amosou co comezo desta semana a segunda vida do seu Primux Sigma, un aparello que xa dimos a coñecer dende Código Cero a pasada primavera, salientando daquela que se trataba con toda seguridade do “buque insignia” da marca ourensá de dispositivos avanzados. Pois ben, dada “a gran acollida” que tivo ao longo destes meses o Sigma no mercado dos terminais de gama media, sobre todo grazas ao seu amplo abano de prestacións e o seu prezo “máis que alcanzábel”, o fabricante galego púxose mans á obra para mellorar o dispositivo engadíndolle aínda máis prestacións, e, aquí vén o mellor do conto, mantendo o mesmo prezo.
Segundo engade a compañía, as evolucións do Sigma céntranse sobre todo na súa pantalla, que agora incorpora un cristal DragontrailTM, un elemento “altamente resistente ao raiado, aos impactos e a torsión”. Ademais, a base da pantalla é un panel L5 de cinco polgadas, o modelo IPS HD Truly de 1.280 por 720.
Por outra banda, tamén se incorporou un novo sistema de redución de ruído no micrófono, que permite illar o son ambiente da voz. Pero hai máis, xa que o Sigma remodelado inclúe tamén o sistema operativo Android 4.4 Kit Kat, unha ferramenta que en palabras de Primux, “consegue optimizar ao máximo os recursos, a arquitectura e prestacións do smartphone para unha maior rapidez nos procesos cun menor consumo de batería”.
Por outra banda, cómpre informar que o aparello acubilla un procesador Quad Core de 1,3 GHz, moi importante para permitir a execución e o procesado áxil de calquera aplicación, ben sexa de ofimática, de reprodución audiovisual ou ben vencellada a un videoxogo. O Sigma conta tamén con 1 Gb de memoria RAM e 16 de capacidade de almacenamento interno. Segundo conclúe Primux, a todo o devandito hai que engadir a inclusión de todos os sistemas precisos para acadar as mellores comunicacións e conexións posíbeis, como por exemplo o sistema NFC (tecnoloxía de comunicación sen fíos, de curto alcance e de alta frecuencia, que posibilita o intercambio rápido e eficaz de datos entre dispositivos), a tecnoloxía 3G, o Wi-Fi de alta velocidade, a versión 4.0 de Bluetooth, o GPS e o sistema Dual SIM que permite acubillar dúas liñas telefónicas.

PUBLICIDADE