Prince of Persia: Las Arenas del Tiempo terá remake en xaneiro

venres, 11 de setembro do 2020 Marcus Fernández

O clásico de 2003 Prince of Persia: Las Arenas del Tiempo, marcou a toda unha xeración de xogadores grazas á súa historia, os seus personaxes carismáticos e certas características de xogo innovadoras, e para permitirnos revivir esta aventura de lenda o vindeiro 21 de xaneiro chegará a PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X, Uplay, Uplay+ e Epic Games o seu remake, que ofrece unha experiencia nova, desenvolvida dende cero, de xeito que non se limita a unha remasterización dos gráficos do xogo orixinal.
Neste xogo controlaremos ao príncipe unha aventura para salvar o seu reino dun malvado visir, podendo gozarse cuns gráficos propios de xogos de nova xeración, xa que optimizáronse as voces, os sons, as animacións de parkour e a banda sonora para lucir como merecen.
O xogo mantén a súa principal característica, as areas do tempo, que permiten empregar unha daga para acelerar, deter e minorar o tempo, chegando incluso a retroceder no mesmo, mentres se resolven quebracabezas sobre a marcha. Pero o xogo orixinal non estivo afastado do paso do tempo, e claramente non é un título actual, de aí que o seu remake renovase e actualizase completamente a cámara, os controis e o combate para adaptalos aos estándares de calidade actuais, aínda que o xogador poderá elixir entre a configuración orixinal ou a modernizada.
Un detalle a agradecer deste novo título é que permite desbloquear o Prince of Persia orixinal de 1989 na súa versión para Mac de 1992, que permanecerá accesible dende o menú principal, para que os máis nostálxicos poidan revisar un xogo que foi totalmente revolucionario até o nivel de iniciar unha franquía que se mantén viva durante décadas e que incluso foi levada á grande pantalla pola propia Disney.
Prince of Persia: Las Arenas del TIempo Remake xa está dispoñible para a súa reserva.

O xogo chega a equipos actuais con gráficos renovados

Tráiler de presentación do remake de Prince of Persia: Las Arenas del Tiempo