Principia o programa Lambóns Dixitais na Radio Galega

venres, 8 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Tras a pausa estival volve á Radio Galega o seu espazo semanal de tecnoloxía que conta coa colaboración de Código Cero para achegar as últimas novidades no sector TIC, que nesta nova tempada muda de nome e formato, de xeito que Banda Ancha pásalle o relevo a Lambóns Dixitais, programa que emitirase os sábados ás 12:04 horas e completará a súa presenza nas ondas radiofónicas coa participación nas plataformas de redes sociais de referencia, como son Facebook, Twitter e Instagram.
Lambóns Dixitais botará a andar este sábado cun repaso da actualidade tecnolóxica e entrevistas ao produtor musical e enxeñeiro de son Steven Rebollido, a Helena Calo Pousa, técnica de animación sociocultural de Geriatros Noia (para falar do uso que fan da Wii como ferramenta de inclusión tecnolóxica), ao director TIC do Instituto Tecnolóxico de Galicia (para achegarnos ao proxecto FlyThings Surf), a actriz da serie Serramoura Isabel Naveira (quen contará a súa relación co mundo tecnolóxico) e a Pablo Grandío, fundador de Vandal.net (web especializada en videoxogos que vén de celebrar o seu 20º aniversario).
O programa está conducido por Carlos García-Verdugo, a quen acompañan todas as semanas fronte aos micrófonos Daniel Portela e o webmaster de Código Cero, Marcus Fernández.

PUBLICIDADE