PrioVR facilitará o movemento en mundos virtuais

martes, 18 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

En combinación con Oculus Rift, o PrioVR pode conseguir unha grande experiencia de realidade virtual

Os avances na realidade virtual orientada aos videoxogos están impulsarse grazas en boa medida aos lentes Oculus Rift, que están a levar a moitos a investir no que parece que pode ser a nova revolución do sector, e dentro desa liña de proxectos YEI Technology quixo levar a experiencia de inmersión en mundos virtuais un paso adiante propondo unha solución que mediante sensores faga un seguimento do noso corpo en tempo real, para que poidamos interactuar co mundo virtual dun xeito realista. Esta solución coñecida como PrioVR tentou sorte en Kickstarter o ano pasado, e tras fracasar, quedando á metade do camiño da cantidade económica que querían xuntar, redefiniu a súa campaña para facela máis atractiva (grazas, en boa media, a que demostraron a súa tecnoloxía na pasada edición do CES de Las Vegas) e tras relanzarse en Kickstarter o pasado venres, xa conseguiu o financiamento preciso para que o seu produto poida chegar ao mercado.

Un prototipo do PrioVR puido verse na pasada edición do CES de Las Vegas

O sistema está composto por unha serie de sensores que debemos colocar no corpo, como se fose un exoesqueleto, de xeito que un ordenador pode recoller os nosos movementos de xeito preciso, o que sirve para trasladar o noso corpo a mundo virtuais, o que pode engadir un grande realismo aos xogos de realidade virtual, aínda que tamén é de destacar que esta solución é especialmente práctica para creadores de videoxogos e de películas de animación, xa que o mesmo dispositivo serve para realizar traballos de captura de movemento (ámbito para o que YEI xa ten solucións comerciais).
Para facilitar a compra do PrioVR a través de Kickstarter decidiron empaquetalo en 3 modelos distintos, con 8 12 e 17 sensores e prezos de 250, 349 e 399 dólares respectivamente (219, 291 e 327 euros incluíndo os gastos de envío), o que parecen unhas cantidades moi asumibles para uns produtos que esperan remitirse aos mecenas no mes de xuño.


Vídeo promocional do proxecto en Kickstarter

PUBLICIDADE