Pro Evolution Soccer 2018 sairá á venda o 14 de setembro

xoves, 18 de maio do 2017 Marcus Fernández

A franquía de xogos de fútbol de Konami vén de abrir a reserva da súa vindeira entrega, de xeito que xa podemos pasar por caixa para facernos con Pro Evolution Soccer 2018 para Xbox One, PlayStation 4 e PC, aínda que aboar 59,99 euros non impedirá que haxa que agardar até o 14 de setembro para poder gozar do novo xogo, aínda que como premio á fidelidade recibirase contido exclusivo (2 axentes premium partner de myClub, un axente UCL de myClub e un axente exclusivo de myClub).
O PES 2018 contará con xogabilidade mellorada, engadíndose a protección do balón para un maio control e o Real Touch+, que engade unha nova dimensión ao control do balón. A fluidez do balón tamén revisouse e incluíuse un novo sistema de penaltis e saques de falta. E unha vez máis tamén se mellorou o xogo para un maior realismo (en boa medida grazas ao uso de Real Capture, tecnoloxía que achegará un nivel de detalle do estadios fiel á realidade, e da captura de movemento dos xogadores).
O cooperativo en liña recuperará a posibilidade de xogar 2 contra 2 e 3 contra 3 (compatible coa invitación dun xogador localmente).
Aparte das plataformas de xogo mencionadas, o PES 2018 tamén estará dispoñible para Xbox 360 e PlayStation 3, aínda que estas versións non contarán coas grandes melloras das consolas da actual xeración.

JPEG - 157.4 KB
Real Capture achegará uns estadios moi realistas

Tráiler de adianto de Pro Evolution Soccer 2018

PUBLICIDADE