Proban en praia América unha tecnoloxía intelixente de DGH para controlar o aforamento nas praias

xoves, 9 de xullo do 2020 S. P.

A praia América, en Nigrán, acolleu este 9 de xullo a presentación dunha tecnoloxía avanzada para facilitar o aforamento nas praias e en espazos abertos de gran extensión, achegando recursos intelixentes para evitar aglomeracións e outros riscos nestes tempos de rebrotes en potencia. A tecnoloxía en cuestión, o dispositivo aéreo non tripulado DGH Intelligent Watchful Vision, foi presentado polo alcalde de Nigrán, Juan A. González e o delegado da Zona Franca, David Regades, acompañados das concelleiras Raquel Giráldez, Cristina Dosil e o concelleiro Fino Alonso, que, previamente á demostración no areal, visitaron as instalacións de DGH en Porto do Molle.
Jean Paul Yagüe, responsábel da delegación da compañía en Vigo e Alexandre Martin-Mestres Sánchez, responsábel técnico de proxectos de Innovación, foron os encargados de acompañar á comitiva no seu percorrido polas instalacións que o Grupo DGH ten en dúas naves situadas en Porto do Molle e que na actualidade dan traballo a 50 persoas.
Yagüe explicoulles que “DGH leva máis de 40 anos deseñando, executando e pondo en marcha proxectos e servizos integrais en contornas industriais, cunha ampla cobertura a nivel nacional e internacional”. Tamén lles recordou aos membros da comitiva que contan cun persoal de 500 profesionais e que, ademais dos seus centrais en Valladolid e Portugal, dispón de delegacións repartidas por todo o país. “Desde a empresa DGH quixemos engadir a nosa contribución á loita contra a COVID e, neste caso en concreto, no aforamento das praias”, indicou Jean Paul Yagüe, engadindo que o sistema combina a versatilidade dos drons para a gravación de imaxes en grandes superficies, xunto coa potencia e fiabilidade da Intelixencia Artificial para o cálculo de persoas.
Grazas a un contador de persoas automático, o dispositivo ofrece información en tempo real do número de persoas que se atopan na praia nun determinado momento. “Os datos quedan rexistrados automaticamente para que poidan ser consultados posteriormente”, indicou Alexandre Martin-Mestres Sánchez, resaltando que se trata “dun software de análise intelixente que consegue un reconto moi preciso en tempo real”.

PUBLICIDADE