Profesorado da UDC achegará ferramentas didácticas para loitar contra o acoso
martes, 28 de maio do 2024
O Proxecto Europeo Erasmus+ Bullying a Matter of Self Esteem (BAM) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a profesora da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol, María Jesús Movilla Fernández, ten o obxectivo de mobilizar diferentes ferramentas tecnolóxicas para aumentar a concienciación do alumnado de Primaria e de Secundaria ante o acoso escolar. Farao fomentando “pautas de comportamento positivas” ante este tipo de accións intencionais e sostidas no tempo.
Ao longo deste proxecto de innovación docente, o persoal da Universidade da Coruña tamén participará na construción de estratexias de intelixencia emocional, de técnicas de comunicación e de ferramentas didácticas que permitan aumentar as competencias do profesorado de toda Europa no eido da prevención, da detección e da intervención ante o acoso escolar.
A Universidade da Coruña representa a España e é a única institución de ensinanza superior que participa no proxecto. Na listaxe de colaboradores figuran outros centros de ensino primario e de secundaria así como un centro de actividades artísticas e teatrais de Italia, Serbia, Grecia, Turquía e de Alemaña.
Nos próximos meses, o profesorado da Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol implicado continuará aportando a súa experiencia profesional no eido da psicoloxía clínica así como nos campos da intelixencia emocional e da comunicación xunto con docentes das Facultades de Ciencias da Educación e de Ciencias da Saúde do Campus da Coruña.
Fontes da UDC explican que “o coñecemento que todos eles teñen no uso de ferramentas participativas como Photovoice ou Bodymap permitiranlles traballar co profesorado de primaria e de secundaria dos países implicados no aumento das súas competencias ante unha situación acoso escolar”.
Nesta iniciativa de innovación docente participa tamén a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF), adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus Industrial de Ferrol e dirixida polo profesor Valentín Escudero Carranza. Boa parte das súas achegas virán da man do Programa Afrontemos, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias nada no ano 2021 como resposta da Universidade da Coruña á crise sanitaria derivada da COVID-19.
Do mesmo xeito, tamén se suma a este proxecto europeo o Centro Universitario de Formación e Innovación Docente (CUFIE) da Universidade da Coruña. Baixo o liderado do seu director, José Antonio García Naya, todo o equipo que integra esta unidade encargarase da elaboración dunha serie de ferramentas didácticas audiovisuais que serán empregadas polo profesorado e alumnado implicado para o seu correspondente testeo.
O proxecto está co-financiado pola Comisión Europea e conta cun orzamento total de 250.000 euros. A Universidade da Coruña dispón de 25.729 euros para aumentar as competencias do profesorado de primeira e de secundaria no campo da intelixencia emocional e da comunicación ante situacións de acoso escolar e máis para elaborar ferramentas didácticas en formato audiovisual que poidan seren usadas con facilidade nas aulas.