Profesorado de Enxeñaría Informática da UVigo publica un manual de introdución á programación en Linguaxe C

martes, 25 de febreiro do 2025 S. P.

Profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (UVigo) publicou o libro Introdución á programación en Linguaxe C, que nos achega os fundamentos da programación en C++ cun “enfoque eminentemente práctico”, incluíndo numerosos exemplos explicados de código así como exercicios ao remate de cada capítulo.
O manual está editado polo Servizos de Publicacións da Universidade de Vigo e a súa autoría corresponde a Mª Xosé Lado, Leandro Rodríguez, Pedro Cuesta, Arturo José Méndez e Xosé Antón Vila Sobrino. Este equipo forman parte do Departamento de Informática, Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UVigo, acumulando máis de 25 anos de experiencia en docencia teórico-práctica en diversas titulacións. No eido da investigación, acumulan igualmente unha dilatada traxectoria no marco do grupo LIA2, centrándose actualmente no estudo de sinais fisiolóxicos, análise de variabilidade da frecuencia cardíaca e desenvolvemento de ferramentas software neste eido de actividade en concreto.
A programación, sinala o equipo que realizou o manual, “é fundamental para o desenvolvemento de aplicacións cun impacto elevado en diferentes sectores, como poden ser a saúde, a educación ou as finanzas”. Na actualidade, engaden, a demanda de profesionais con competencias no desenvolvemento de ferramentas software ten experimentado un aumento significativo.
Sobre a temática concreta elixida para a publicación, detallan que “unha das linguaxes máis amplamente empregadas para a aprendizaxe de programación é C++, linguaxe de propósito xeral que prepara ao alumnado para enfrontar desafíos no mundo real e que proporciona as ferramentas necesarias para o desenvolvemento de aplicacións robustas e eficientes”. Así, no libro preséntanse os fundamentos da programación procedemental en C++, abordando en detalle diferentes contidos: dende os conceptos máis básicos, como a terminoloxía empregada en tarefas de programación ou a definición de variábeis e constantes, ata temas máis avanzados, como o manexo de arquivos, a xestión dinámica de memoria ou o tratamento de cadeas de caracteres, a programación estruturada, os vectores ou as matrices. Trátase en total de once capítulos na que a abordaxe dos contidos se realiza dun xeito moi didáctico e aplicado, facendo fincapé na parte práctica.