Profesorado de Enxeñaría Informática publica una guía para aprender Linux desde cero
venres, 3 de xullo do 2026
Un equipo de docentes da Escola de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense (UVigo) publicou una guía para converternos en expertos no sistema operativo libre Linux aínda que non teñamos coñecemento sobre o mesmo. Trátase do manual Linux dende cero. Guía básica por sesións, elaborado por profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que busca pór a disposición de calquera persoa interesada “un recurso práctico, accesible, claro, rigoroso e completamente en galego para achegarse ao mundo deste sistema operativo”.
O libro está editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e asinado por María Encarnación González, Lorena Otero, David Rodríguez e Francisco Javier Rodríguez, membros do Laboratorio de Intelixencia Artificial Aplicada e do Grupo de Innovación en Simuladores e Intelixencias Artificiais Xenerativas da Universidade de Vigo. O manual é froito directo da dilatada traxectoria na ensinanza de sistemas operativos e administración de sistemas Linux deste equipo nas aulas.
“A aprendizaxe dun sistema operativo coma Linux supón un paso esencial cara a comprensión do funcionamento interno das computadoras, ofrecendo aos usuarios control total sobre os seus sistemas”, explican as e os autores da publicación, engadindo que a guía “nace co obxectivo de proporcionar un enfoque progresivo e estruturado ao lector, permitindo tanto a iniciación coma o afondamento nas principais ferramentas e comandos deste sistema”.
O libro está deseñado para quen quere aprender a traballar con Linux partindo de cero coñecemento. Organizado en sete sesións progresivas, acompaña á persoa lectora dende os primeiros pasos, comezando coa conexión ao sistema e comandos básicos, ata aspectos máis avanzados da programación do shell. “Cada sesión constrúe sobre a anterior, garantindo unha curva de aprendizaxe natural e sen saltos abruptos”, apunta o equipo da UVigo. As primeiras sesións introducen o sistema de ficheiros, a navegación por directorios e a xestión de arquivos, incluíndo conexións remotas. A sesión dedicada ao editor VI ofrece unha guía completa para dominar esta ferramenta esencial en calquera contorna Linux. Nas sesións avanzadas, a persoa lectora aprende a traballar con permisos, expresións regulares, redirección de entrada/saída, compresión de arquivos e xestión de procesos. O libro culmina con dúas sesións dedicadas á programación do shell: dende a creación de scripts e o uso de variables e estruturas de control, ata o deseño de funcións que se poden reutilizar.
