Prohiben o software de Kaspersky nos EE.UU.

xoves, 20 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Nos últimos anos a compañía de seguridade informática Kaspersky Lab estaba baixo sospeita de gobernos de moitos países, por considerarse que a influencia que puidese exercer sobre a compañía o goberno ruso era un risco inasumible, e dende os EE.UU. chegaron a impor sancións para limitar as operacións coa compañía (na mesma liña do que fixeron con Huawei ou ZTE), o que agora vai un paso máis aló coa aprobación dunha Orde Executiva do Departamento de Comercio que xa non limita as sancións a organismos públicos, pois consideran que o uso dos servizos de Kaspersky por parte de calquera cidadán estadounidense é un risco inaceptable.
Deste xeito, a partir do 20 de xullo Kaspersky (directa ou indirectamente) ten prohibido pechar novos acordos comerciais con cidadáns estadounidenses, e a partir do 29 de setembro xa estaría vixente a prohibición comercial dos produtos de Kaspersky nos EE.UU., de xeito que non poderían contratarse novos produtos e servizos con eles, aínda que si poderían seguir a subministrar actualizacións aos clientes actuais.
Dende Kaspersky consideran desproporcionada a medida, e anuncian estar a tomar medidas legais para poder manter as súas operacións nos EE.UU., pois consideran que o seu traballo é beneficioso para a sociedade ao protexer aos cidadáns contra as ameazas informáticas cada vez máis frecuentes.

PUBLICIDADE