Proliferan os puntos de recollida de paquetes

venres, 28 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O comercio electrónico ten un serio problema coa entrega de paquetes, xa que non sempre resulta doado atopar ao receptor no seu fogar, e como solución están a xurdir propostas cada vez máis frecuentes como The Hub, unha especie de armario para edificios residenciais que ten caixóns de distinto tamaño cuxa apertura está controlada electronicamente para que os repartidores de Amazon poidan deixar alí os pedidos para que os usuarios os recollan cando cheguen ao seu edificio.
Este tipo de servizo está polo momento limitado a EE.UU. e sorprende ver como Amazon non está a orientarse a lugares públicos para a súa colocación, senón que entende que a demanda dos seus produtos é tan elevada que os veciños estarán dispostos a ceder unha parte do seu espazo común para que poida empregarse para a recepción de paquetería (non só por parte de Amazon, senón tamén doutras compañía). Iso si, Amazon non ten un único deseño dos seus novos hubs, senón que está dispoñible en numerosos tamaños e adaptado tanto para o interior como para o exterior.
En España comezamos a ver solucións semellantes como CorreosPaq, un servizo de Correos que facilita o envío e a recollida de paquetes de até 30 quilos de peso, que preséntase nunha versión para comunidades de veciños (HomePaq) e outra para lugares de paso (CityPaq) como podemos ver en numerosas localidades galegas (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Redondela, Ponteareas, A Gudiña, Ourense, Mondoñedo, Vilalba, Arteixo, Lugo, Ferrol...).

PUBLICIDADE