Promusicae entrega os primeiros discos dixitais de platino da historia da música en España

xoves, 15 de marzo do 2007 Raquel Noya

As novas tecnoloxías, ademais de cambiar outras moitas cousas, cambiaron de xeito considerable a nosa maneira de escoitar música (e tamén de pirateala). Non só de vender discos físicos viven os artistas do mainstream (nin só dos concertos, nin das exclusivas, nin da publicidade, nin das actuacións na TV, que dura é a vida do artista supervendas), tamén vive das descargas dixitais dos internautas polas que (por certo) seguen a cobrar cantidades desorbitadas en relación ó custo de produción das cancións (pero ese é outro tema). Segundo a primeira listaxe dixital na historia da música española, levada a cabo por Promusicae, os artistas dos que máis cancións se baixaron a través de Internet e do teléfono móbil nos últimos seis meses foron David Bisbal, Dover, Paulina Rubio e Ricky Martin.
Os Produtores de Música de España deron a coñecer ós afortunados e ás súas criaturiñas: Quién me iba a decir, de Bisbal; Let me out, de Dover; Ni una sola palabra, de Paulina Rubio e Tu recuerdo de Ricky Martin. Todos eles foron obsequiados cun triplo disco dixital de platino ó ter ido alén da liña das 60.000 descargas por canción no último ano (maldito top manta, que non lles permitiu chegar ás 100.000!).
Tamén foron recoñecidos con dous discos de platino por chegar alén das 40.000 descargas artistas como Melendi, Alejandro Sanz, Maná, Fito y Fitipaldis, Nena Daconte, La Quinta Estación ou Shakira.
Promusicae, en colaboración con Nielsen Soundscan (empresa que procesa as cifras) comprometeuse a sumarlle á listaxe semanal de discos máis vendidos (que veñen actualizando dende hai vinte anos) a publicación desta clasificación dixital coas vinte cancións máis descargadas e os vinte tons orixinais máis demandados pola telefonía móbil. Sobre todo porque hai que ir cos tempos que corren e porque quedan premios de máis (inútiles) por entregar.
Coincidindo coa publicación destas listaxes, Promusicae creou o Certificado de contidos orixinais, que garante a autenticidade da compra legal fronte ás copias e imitacións (e asegura o cobro dun suplemento económico asegurado).

PUBLICIDADE