Prosegue a súa xira por Ourense o programa dixitalizador A Administración Preto de Ti
venres, 7 de marzo do 2025
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, acompañou este xoves 6 de marzo a funcionarios da Subdelegación ata o Concello da Mezquita, onde levou a cabo unha nova sesión informativa dentro do programa A Administración Preto de Ti.
Esta iniciativa naceu a finais de 2022 co “obxectivo de achegar aos veciños e veciñas dos municipios de menos de 8.000 habitantes información sinxela e moi práctica sobre o certificado dixital e a clave permanente, os trámites que se poden realizar con cada un deles e, deste xeito, as vantaxes da Administración Electrónica”.
Nestas sesións, impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno, tramítase aos asistentes o Certificado Dixital da FNMT e ensínaselles a instalalo nos dispositivos móbiles para o seu uso nas relacións dixitais coa Administración.
Santos lembrou que na súa primeira fase, A Administración Preto de Ti chegou aos 86 concellos da provincia destinatarios desta iniciativa, participando nas sesións un total de 2.317 ourensáns, para os que se expediron 1.532 certificados electrónicos de persoa física e 1.120 chaves permanentes. Co comezo da segunda fase, o programa está a realizar de novo visitas a todos os municipios. De feito, xa chegou en febreiro a Esgos, Maceda e Castro Caldelas; e está previsto que neste mes de marzo visite, ademais da Mezquita, os Concellos de Amoeiro, Riós e Cenlle; para continuar nos seguintes meses ata completar todas as localidades ourensás de menos de 8.000 habitantes.
Durante a sesión na Mezquita, o subdelegado do Gobierno destacou que “o obxectivo do Goberno é chegar onde non se chega normalmente, estar no territorio, permitir que o mundo rural estea conectado coa Administración Xeral do Estado porque o rural é importante. Aínda que sexa pouca a xente que vive no rural, o Goberno ten o compromiso de chegar a todos eles”.
Co obxectivo de ampliar a o servizo ao cidadán que ofrece o programa A Administración Preto de Ti nesta segunda fase, a Subdelegación do Goberno mantivo encontros cos responsábeis na provincia do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), a Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) coa finalidade de “complementar a iniciativa cunha sesión informativa a maiores, impartida por funcionarios destes tres organismos, para dar a coñecer entre os veciños e veciñas os servizos que xeran maior interese na cidadanía, como son as prestacións e subsidios por desemprego, os requisitos e trámites necesarios para acceder á xubilación, informe de vida laboral e cotizacións, realización de xestións a través da sede electrónica, entre outros”. Tralo acordo alcanzado, nas próximas semanas darán comezo estas novas visitas.
Ademais, tamén está previsto que se sume a este proxecto a Xefatura Provincial de Tráfico en Ourense, así como estender o programa a outros colectivos como son as persoas comerciantes, autónomas, estudantes, persoas en risco de exclusión social, sindicatos, centros xeriátricos ou colectivos agrarios, entre outros.