Prosegue a transformación tecnolóxica das Oficinas de Emprego de Galicia

luns, 30 de decembro do 2024 S. P.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou na mañá deste 30 de decembro a Oficina de Emprego de Santiago Norte, onde se vén de instalar un dos novos caixeiros que se irán implantando progresivamente en toda a rede a longo de 2025, no marco do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia.
A directora xeral puxo en valor “as funcionalidades tecnolóxicas que ofrece esta nova infraestrutura para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficacia do Servizo”.
Sinalou tamén que “estas melloras van en paralelo con outras medidas impulsadas polo Goberno autonómico para reforzar o labor das 54 oficinas de emprego de Galicia, como o impulso da ferramenta de Intelixencia Artificial EMi para casar oferta e demanda, o continuo reforzo do persoal de orientación e prospección laboral ou o investimento de 1,6 millóns de euros que se destinará o vindeiro ano a obras nas oficinas de emprego”.