Prosegue a xira Toponimízate 2024 con paradas en Abadín (este venres) e Antas de Ulla (o día 6)

venres, 30 de agosto do 2024 S. P.

Nesta recta final de agosto retómase a actividade da xira Toponimízate 2024, encamiñada a reivindicar e visualizar os nomes da nosa terra, unha nova campaña organizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral de Lingua que ten o seu complemento na aplicación Galicia Nomeada, na que os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos dos que teñan constancia. Logo das citas de Camariñas (o 28 de xuño) e de Tordoia (o 5 de xullo), a xira recupera o ritmo en Abadín (venres 30 de agosto ás 20:00 h no salón de actos da Casa do Concello) e logo en Antas de Ulla (venres 6 de setembro ás 19:30 h na Casa da Cultura).
Proseguirá en Salceda de Caselas (venres 13 de setembro ás 20:00 h na Casa da Cultura Castelao) e Láncara (venres, 20 de setembro ás 12:00 h no CPI Ramón Piñeiro) e xa en outono as sesións continuarán en Barro (venres 27 de setembro ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello), A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento), A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11:00 h no salón de plenos da Casa do Concello) e finalmente Boiro (venres 8 de novembro ás 20:00 h no Centro Social de Boiro).
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra está a percorrer neste 2024 as catro provincias galegas na procura de persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que participan na recolla de microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles. Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, na que os informantes de máis idade son o elo fundamental, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.
Alén de evitar o risco de perder todos eses nomes por mor da transformación do modo de vida tradicional, nas charlas da campaña, coordinada e desenvolvida pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua, fálase sobre a orixe e o significado de máis de 1.300 topónimos pertencentes aos doce concellos nos que se faai parada este ano. Todas as sesións serán impartidas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, contando coa colaboración na parte etimolóxica do académico de número Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo.
Os doce municipios elixidos para esta xira 2024 teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller; e contaren ata o momento con moi poucos colaboradores dados de alta na plataforma Galicia Nomeada, xestionada polo Seminario de Onomástica da RAG.
Dende a primeira edición de Toponimízate en 2017, máis de 5.000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou o filólogo da RAG encargado de impartilas.
Toponimízate estivo presente ata o momento en máis de 80 concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística. Tamén ofreceu sesións na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); a Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; o Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas; así como en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Ortigueira e Mondego en Sada), nunhas sesións estas últimas que pretenderon demostrarlles ás persoas de máis idade a importancia do seu papel, como transmisores, na preservación do patrimonio toponímico.