Prosegue en Noia o labor para organizar, dixitalizar e facer accesíbeis os seus históricos fondos documentais

venres, 4 de outubro do 2024 S. P.

O Concello de Noia vén de facer balance do seu proxecto iniciado en 2022 para a transformación integral do Arquivo Municipal, un proceso que incluía a dixitalización, conservación e universalización de máis de 53.228 documentos, entre os que se incorporaban as actas de 1.559 e, tamén, escritos tan singulares como o testamento de Felipe de Castro, senlleiro artista local nado en 1711 que foi o introdutor en España das fórmulas do neoclasicismo e chegou a ser o primeiro escultor do rei Fernando VI.
A Área de Cultura que dirixe Pepe Pérez informou que nestes dous últimos anos continuaron os traballos para preservar todo este patrimonio documental e “agora estamos inmersos no traballo de organización da documentación tanto histórica como administrativa”, sinalou o edil, engadindo que “axiña iniciaremos as obras para mellorar as dependencias do arquivo municipal instalando un sistema de extinción automática de incendios”.
Os traballos de dixitalización do Arquivo Municipal foron levados a cabo pola empresa Reproutlet (Unayta), consultora tecnolóxica de Ames. O obxectivo do proxecto foi dispoñibilizar os documentos tratados, accesíbeis para os cidadáns, a través da súa importación aos repositorios do Arquivo Dixital de Galicia (Galiciana). Os documentados dixitalizados comprenden varios séculos: desde o 1559 ao 1960. Púxose o foco en lograr que a información fose facilmente documentábel, a través dunha “recuperación rápida do metadatos”.
Neste labor de dixitalización da historia noiesa, adaptáronse aos novos tempos expedientes de contratación, datos do padrón municipal, planos e outras cuestións de obras e organismos.