Prosegue en febreiro Conectando en igualdade, ciclo de atlanTTic para impulsar a igualdade na tecnoloxía

martes, 23 de xaneiro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, inaugurou o ciclo Conectando en igualdade: a transformación do futuro tecnolóxico, que ten como obxectivo principal resaltar a importancia da igualdade no ámbito da enxeñaría e da tecnoloxía. O enfoque destas actividades, financiadas pola Unidade de Igualdade da UVigo, céntrase na necesidade de que a tecnoloxía evolucione cara a aspectos máis inclusivos, feministas e diversos.
A primeira xornada, celebrada o pasado mes de decembro no Edificio Miralles do campus universitario de Vigo, marcou o comezo dun ciclo de eventos dirixidos a sensibilizar á sociedade sobre estas cuestións que se celebrarán ao longo dos vindeiros meses. Contou para a súa presentación con Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, quen destacou que estas iniciativas son esenciais para presentar referentes femininos próximos na ciencia e na tecnoloxía. Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, subliñou a importancia de fomentar as vocacións STEM entre as nenas e eliminar os obstáculos para o seu desenvolvemento. Tamén participaron Laura Docío Fernández, subdirectora de Captación e Difusión da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Mar F. Cendón, técnica da Unidade de Igualdade.
Mesa redonda centrada na igualdade na enxeñaría

As relatoras participantes da primeira das xornadas, celebrada o pasado mes de decembro

O prato forte desta xornada foi a mesa redonda interxeracional que explorou a baixa representación feminina no ámbito tecnolóxico xa que segundo cifras do último informe do Observatorio de Ingeniería de España do total de 750.000 profesionais deste ámbito, só o 20% son mulleres. Cinco especialistas vinculadas ao ámbito da aeronáutica e do espazo compartiron as súas experiencias e inquietudes como enxeñeiras: Cristina Cuerno Rejado, catedrática da UPM e directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio (ETSIAE) da UPM; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de Telecomunicación pola UVigo e actualmente en Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo.
A mesa redonda estivo moderada por Edita de Lorenzo, investigadora de atlanTTic e profesora da EET, e abordou temas como a presenza e o papel das mulleres nos ámbitos tecnolóxicos, a igualdade de oportunidades en España e outros países europeos, así como situacións de discriminación na contorna laboral. Ao finalizar a mesa redonda, tanto as relatoras como o público tiveron a oportunidade de debater sobre os diversos temas tratados durante a mañá. A xornada concluíu con intervencións de Yolanda Blanco Fernández, subdirectora de atlanTTic, e Edita de Lorenzo, que alentaron ás persoas asistentes a participar nas seguintes sesións deste ciclo.
Próxima xornada centrada na IA
O ciclo Conectando en igualdade continuará no mes de febreiro coa segunda xornada, que se celebrará o 22 de febreiro no marco das actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, 11-F, da Universidade de Vigo. Desta volta, a xornada centrarase na Intelixencia Artificial (IA) e contará con varias mulleres expertas en IA que abordarán cuestións relacionadas coa igualdade e a tecnoloxía neste ámbito concreto.
A sesión será presencial na Sala 1 do edificio Miralles de 11:00 a 13:30 horas, pero tamén se poderá seguir en directo a través de UVigo-TV.

PUBLICIDADE