Proseguen en Teo, este mércores, os obradoiros de realidade virtual de AGADEA para persoas con alzhéimer

mércores, 9 de xullo do 2025 S. P.

Esta tarde, de 16:30 a 17:30 horas, a Casa Común de Cacheiras (Teo) acollerá unha sesión terapéutica de Realidade Virtual dirixida a persoas con demencia, organizada pola asociación AGADEA Alzhéimer. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, asistirá a esta actividade, que forma parte do servizo de estimulación terapéutica que a entidade desenvolve no concello.
Esta sesión enmárcase dentro da aposta de AGADEA por incorporar novas tecnoloxías no ámbito do coidado e a estimulación cognitiva das persoas con alzhéimer e outras demencias, ofrecendo experiencias inmersivas que “favorecen o benestar, a conexión emocional e o exercicio da memoria”.
A actividade forma parte do calendario terapéutico que se desenvolve semanalmente no concello.
Os obradoiros de Realidade Virtual de AGADEA lévanse a cabo en colaboración con HealthFIT e teñen un obxectivo terapéutico: “Viaxamos sen movernos, activamos emocións, estimulamos a memoria e conectamos coas sensacións máis profundas, as persoas usuarias mergúllanse en contornas relaxantes, paseos pola natureza, lugares cheos de cor, sons e lembranzas”, informa AGADEA, engadindo que esta ferramenta non só entretén, senón que “activa, acompaña e transforma” e constitúe “un exemplo máis de como a innovación pode estar ao servizo da dignidade e do benestar”.