Prospera a causa que denuncia que Stable Diffusion viola o copyright

martes, 13 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Exemplo de imaxe de Gerald Brom e un suposto plaxio realizado mediante IA

Numerosos artistas están en pé de guerra contra o uso da súa obra para adestrar sistemas de intelixencia artificial que consideran que están a plaxiar os seus traballos, vulnerando os seus dereitos de autor, e aínda que os límites están lonxe de estar definidos, un grupo de creadores xa está a emprender accións legais nos EE.UU., que poden marcar un antes e un despois na materia.
A causa promovida por Sarah Andersen, Kelly McKernan, Karla Ortiz, Hawke Southworth, Grzegorz Rutkowski, Gregory Manchess, Gerald Brom, Jingna Zhang, Julia Kaye e Adam Ellis contra Midjourney, Runway, Stability AI e DeviantArt por vulnerar os seus dereitos de autor ao ofrecer produtos de xeración de imaxe baseados no modelo de intelixencia artificial Stable Diffusion vén de experimentar un importante avance, xa que o xuíz William H. Orrick do Xulgado do Distrito Norte de California, considera que as evidencias presentadas polos denunciantes son dabondo para que o proceso continúe, o que permitirá que os avogados dos artistas poidan investigar ás compañías dos xeradores de imaxe mediante IA, o que levará á revelación ao mundo de detalles sobre o conxunto de datos do seu adestramento, para que poidan determinar se os modelos supoñen unha violación do copyright e, de ser así, facendo responsables ás compañías que empregan os modelos desas mesmas infraccións, que é un dos detalles que fai tan importante esta causa.

Imaxe de Karla Ortiz xunto a unha das creacións de Stable Diffusion que semella copiala