Protestan pola tiktokización de Instagram
martes, 26 de xullo do 2022
Nos últimos meses puidemos ver como Instagram mudaba
drasticamente a súa orientación para competir directamente coa plataforma
social de maior crecemento, TikTok, o que molestou a moitos usuarios que chegaron
a promover unha
petición para pedir «que Instagram volva ser Instagram», ou sexa, para que
os contidos se presente en orde cronolóxica, escóitese aos creadores, deixe de
replicarse a TikTok (apuntándose que a meirande parte dos Reels son contidos de
TikTok reciclados) e volva a favorecerse o contido fotográfico (a esencia de
Instagram) en vez dos vídeos.
Se ben esta petición conseguiu chamar á reflexión sobre a deriva de Instagram,
o máximo responsable da plataforma, Adam Mosseri,
quixo dar a cara para explicar que non deixarán nunca de lado a súa
esencia, ou sexa, que manterán as fotografías, pero recoñece que Instagram ten
que estar en constante evolución, adaptándose ás demandas do público, de aí que
agora estean a probar contidos a pantalla completa na liña de TikTok ou que o
vídeo teña máis relevancia. Instagram simplemente está a procurar ofrecer unha
mellor experiencia de uso, para o que se adapta aos gustos dos usuarios, de aí
que estean a realizar tantas probas piloto, comprobando así o que funciona e o
que non, polo que os cambios que aplican definitivamente responden ás reaccións
do público, de aí que non teña moito sentido recoller sinaturas na dirección
contraria.