Publicada na Portal da Lingua a segunda convocatoria anual das probas CELGA
luns, 4 de setembro do 2023
A
Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou este luns 4 de
setembro, no
Diario
Oficial de Galicia
(DOG), e no Portal
da Lingua Galega a convocatoria para inscribirse nas probas que
permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento
da lingua galega (CELGA).
Trátase da segunda convocatoria que a secretaría
xeral que dirixe Valentín García
efectúa este 2023 e nela prevese a realización dos exames
correspondentes aos niveis CELGA
máis solicitados: nivel 2, nivel 3 e nivel 4.
A
realización destas probas celebrarase a segunda quincena de novembro
e, de ser o caso, tamén a primeira de decembro, tanto en Santiago de
Compostela como en Ponferrada. As datas concretas dos exames
publicaranse máis adiante no Diario Oficial de Galicia e mais no
Portal da Lingua Galega.
O
prazo para presentar as solicitudes de inscrición, así como o de
pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame (16,92 €)
comeza este
5 de setembro, e remata o luns 25 do mesmo mes. Tanto as ditas
solicitudes como o xustificante de pagamento poderán presentarse por
vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede
electrónica da Xunta,
ou de modo presencial en calquera dos lugares e rexistros
establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo
común.
Os
certificados de lingua galega (CELGA) poden obterse a través da
superación destas probas que convoca periodicamente a Xunta de
Galicia ou ben a través da validación de estudos nos supostos
recollidos na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a
Orde do 16 de xullo de 2007, na que se regulan os certificados
oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.