Publicadas as bases do premio Innovación Junior

luns, 9 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A Dirección Xeral de I+D+i da Consellaría de Innovación e Industria vén de convocar, a través do Diario Oficial de Galicia de hoxe, a sétima edición do Premio Galicia Innovación Junior, un certame creado para que os rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos se interesen polo coñecemento científico e tecnolóxico buscando solucións innovadoras a situacións cotiás.
Os mozos e mozas interesados en participar deberán idear un novo produto, un novo servizo ou unha maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente e presentalo antes do vindeiro 14 de marzo.
O premio divídese en dúas categorías: de 12 a 15 anos e de 16 a 18 anos. Os rapaces e rapazas poden presentar traballos a título individual ou en grupos cun máximo de tres membros e poden contar ademais coa axuda dos profesores na elaboración da súa proposta. As memorias que presenten os concursantes deben conter unha descrición da proposta, argumentando a quen vai dirixida, a súa utilidade social e a maneira de levar a cabo o que se proxecta. O xurado terá en conta a orixinalidade, a aplicación práctica e o grao de desenvolvemento do produto ou do servizo innovador.
Asemade, o concurso divídese en dúas fases. Nunha primeira etapa, o xurado escollerá os oito mellores traballos en cada categoría. Na segunda fase, estes candidatos e candidatas preseleccionados terán un mes de prazo para desenvolver a idea exposta na memoria inicial a través dun bosquexo, dunha maqueta, dun plano, dun debuxo ou dunha memoria. Paralelamente, as memorias serán sometidas a unha consulta do Servizo Galego da Propiedade Industrial (SEGAPI). Finalizado este proceso, o xurado anunciará os nomes dos gañadores e gañadoras. En cada unha das categorías concederanse un primeiro e un segundo premio e seis accésits.
Os autores dos traballos gañadores recibirán un ordenador portátil e un lote de material divulgativo mentres que os que merezan un accésits gañarán cadanseu mini-portátil. No caso de que nalgún dos traballos clasificados no primeiro ou segundo posto se acredite a participación dun profesor, este recibirá como premio un Tablet PC.
Asemade, o primeiro premio de cada unha das categorías será sometido a unha consulta sobre a súa orixinalidade ante a Oficina Española de Patentes e Marcas. Se este informe resulta favorable e se existe interese en solicitar a patente por parte do autor ou autora, a Dirección Xeral de I+D+i, a través do seu Servizo de Propiedade Industrial, comprométese a asesoralo na redacción da solicitude de patente e a pagar a taxa de solicitude correspondente.
A principal novidade desta edición do Premio Galicia Innovación Junior é que os formularios de solicitude soamente poderán ser cubertos a través da aplicación telemática sita en www.xunta.es/presentacion-electronica, clicando no procedemento IN822C. A persoa solicitante só necesita un NIF válido e seguir as instrucións que están dispoñibles na citada web.
Entre todas as persoas que se inscriban neste servizo, sortearase un Apple iPod nano de 8 GB.

PUBLICIDADE