Publican a listaxe dos mellores produtos da Games Convention

luns, 25 de agosto do 2008 Marcus Fernández

JPEG - 285.8 KB
Un grupo de rapaces probando o FIFA 09 en Leipzig

Trala Games Convention de Leipzig chega a hora de rememorar o que alí se presentou e indicar o máis destacado, e así coma no E3 destacou Fallout 3, na feira de videoxogos xermana un comité seleccionou o mellor do evento en distintas categorías, de xeito que o sistema de gravación televisiva para a PS3 (PlayTV) foi recoñecido como a mellor innovación de hardware, o mellor xogo en liña sería Warhammer Online: Age of Reckoning e o mellor xogo para móbiles sería o Pro Evolution Soccer 2009. No tocante as plataformas de consolas portátiles, para DS destacou o Sonic Chronicles: The Dark Brotherhood e para a PSP foi o impresionante Resistance: Retribution o título mellor considerado.
Nas consolas domésticas LittleBigPlanet foi sen dúbida o mellor que se puido ver para PS3, mentres que para a Xbox 360 convenceu bastante Mirror’s Edge (xogo que se rumorea que podería saír antes para PS3), mentres que para a Nintendo Wii a decisión foi un tanto discutible, resultando vencedor o Skate It de EA. Para PC, en cambio, non parece que haxa discusión á hora de destacar a Spore coma un dos xogos máis revolucionarios e cun potencial que poderemos ver nas vindeiras semanas, cando chegue o xogo final (pois ata o momento só se pode usar o editor de criaturas para o mesmo).
Curiosamente esta no decidiron deixar deserta a categoría de mellor xogo para PS2 por haber poucos xogos entre os que elixir (o que sorprende porque os xogos multi-plataforma continúan a ter en conta a vella consola de Sony, polo que poderiamos entender que o fabricante nipón non está interesado en promocionar nas feiras unha consola que podería continuar a frear as vendas da PS3).

PUBLICIDADE