Pull & Bear inaugura tenda 2.0 en A Coruña

venres, 8 de abril do 2011 Marcus Fernández

A tenda de Pull & Bear sita na coruñesa Praza de Lugo, reabriu hoxe tras unha profunda reforma que converteu o espazo na Pull & Bear 2.0 Store, un novo concepto de tenda que experimenta co uso da tecnoloxía e das plataformas de redes sociais para marcar tendencia para futuras aperturas da súa marca.
A tenda conta con instalacións que permiten aos clientes interactuar e compartir as súas experiencias e as súas aparencias en tempo real a través das redes sociais e incluso facilitará a posibilidade de que o cliente poida realizar adquisicións a través da tenda en liña de Pull & Bear.
O establecemento conta con pantallas táctiles con acceso a estilismos semanais, lookbooks e as principais prendas da tempada, permitindo incluso consultar a dispoñibilidade dos artigos na tenda (ou noutros establecementos da cidade) unha vez que se lance a nova tenda virtual da marca. Estas pantallas responden ao nome de P&B-2.0-PAD, e están situadas no interior da tenda, mentres que os transeúntes poden ver dende a rúa vídeos cos que interactuar, xa que a P&B-2.0-WINDOW conta cun sistema que detecta o movemento humano.
Na zona de probadores está dispoñible o plató fotográfico P&B-2.0-STUDIO, no que os clientes poden tomarse fotografías para remitir aos amigos nas redes sociais para obter a súa opinión e, finalmente, na P&B-2.0-ROOM pódese descansar nos seus sofás ou pasar un rato ante os seus equipos iMac, nos que consultar a páxina web de Pull & Bear e acceder a redes sociais.
A decoración a Pull & Bear 2.0 Store está inspirada nos lofts de New York, e abriuse ao público ás 6 da tarde, celebrando a estrea cun concerto do grupo británico Josh Beech & The Johns.

PUBLICIDADE