Pulo de GAIN ao proxecto do CiTIUS para facer rendíbel e útil o Big Data

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago vén de dar a coñecer os proxectos de seu que serán financiados a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o seu programa Ignicia (destinado a apoiar as aplicacións comerciais da investigación xerada por centros galegos de coñecemento). Segundo concreta a USC, entre as tres iniciativas seleccionadas (que recibirán 1.174.820 euros para o seu impulso) atópase un proxecto do Grupo de Sistemas Intelixentes do CiTIUS destinado a converter a información a gran escala (Big Data) da que dispoñen (e poden dispoñer) empresas e entidades para incrementar a súa eficacia, eficiencia, axilidade, produtividade e competitividade. Trátase de InVerbis: intelixencia de negocio en palabras.
InVerbis, que será financiado por Ignicia con 361.217 euros, parte da premisa de que é necesario converter a maré da información en algo manexábel, próximo e, sobre todo, de utilidade. Segundo fai saber o Grupo de Sistemas Intelixentes, “hoxe, as empresas e as administracións dispoñen cada vez de máis datos nos seus sistemas de información e boa parte da súa eficiencia e eficacia depende de como xestionen os seus procesos de negocio ou actividade”.
Á fronte do grupo responsábel de InVerbis atópase o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, que, como lembraremos, tamén foi reitor da Universidade de Santiago. A plataforma software que desenvolve o seu equipo está baseada na investigación en Intelixencia Artificial e salienta por incorporar algoritmos de achado, análise e explicación automática de procesos de negocio que se atopan, nas súas palabras, “moi por diante dos dispoñíbeis nas solucións actuais”.
InVerbis integra ademais tecnoloxía de xeración de linguaxe natural para facer lexíbel ao usuario final toda a información que manexa decote a través das redes e as novas canles de información. Segundo informa a USC, o apoio do programa Ignicia “permitirá converter InVerbis nun recurso estratéxico para a comercialización de servizos baseados nesta tecnoloxía por parte dunha futura spin-off”.

PUBLICIDADE