PuntoGal avanza na súa seguridade colaborando con IWF

martes, 10 de setembro do 2024 Redacción

PuntoGal vén de asinar un convenio coa Internet Watch Foundation (IWF), organización sen ánimo de lucro con sede no Reino Unido que ten como misión principal identificar e retirar da Rede material ilegal relacionado co abuso infantil. Esta vía de colaboración permitirá a PuntoGal a detección temperá de dominios fraudulentos ou enganosos pensados para aloxar contidos potencialmente perigosos para a infancia.
Nestes últimos anos, a IWF experimentou un crecemento significativo na súa capacidade de detección e eliminación de contido ilícito, grazas ao uso de tecnoloxías avanzadas e a un equipo de expertos. No ano pasado, a organización procesou máis de 390.000 informes de contido potencialmente ilegal, eliminando de internet máis de 275.000 imaxes e vídeos que mostraban abuso infantil.
Falando desta colaboración, Chris Hughes, o director da Líña Directa do IWF, dixo: “é fantástico que os rexistros de nomes de dominio como PuntoGal agora poidan acceder ás potentes ferramentas da IWF grazas o patrocinio do Rexistro de Interese Público”.
“Este patrocinio permite dous servizos do IWF importantes, as Alertas de Dominio e a Lista Hopping para os dominios de primeiro nivel, sen custo adicional para os rexistros e os provedores de servizos de rexistro.”
“O acceso privilexiado de PuntoGal axudaralle a frustrar as actividades das tentativas criminais na explotación sexual de menores e interromper a difusión de imaxes e vídeos de abuso sexual infantil. Colaboracións como estas son vitais para facer da Internet un lugar seguro para todos”.
Pola súa banda, PuntoGal vai incrementando así as súas colaboracións con entidades internacionais que traballan na seguridade na Rede “facendo un dominio máis seguro”, en palabras de Darío Janeiro o seu director xeral. “Proxetendo o dominio non só facemos un traballo para a rede, tamén para toda a comunidade”, engadiu Janeiro, quen lembrou que “as políticas do dominio son claras e públicas. O noso equipo traballa todos os días para facer que se cumpran, especialmente cando protexen aos colectivos que máis o precisan”.
Antes da IWF xa se asinaron acordos e se puxeron en marcha iniciativas en común coa Global Cyber Alliance, o Nodo CIBER.gal ou as Women4Cyber, entre outras entidades. Con estas colaboracións, PuntoGal busca manter o dominio .gal seguro, converténdoo nunha referencia de fiabilidade e confianza tanto desde o punto de vista técnico como de contidos. “ A ciberseguridade e a protección dos nosos usuarios son obxectivos centrais do dominio. Este convenio, xunto con outras colaboracións e iniciativas nas que estamos traballando, mostran o compromiso de PuntoGal cunha rede máis segura”, conclúe Janeiro.