PuntoGal celebra a súa asemblea anual en Compostela
xoves, 2 de xullo do 2026
O pasado mércores o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolleu a Asemblea anual de PuntoGal. O presidente do dominio, Manuel González, abriu a sesión destacando a boa saúde de PuntoGal e o seu papel como impulsor de numerosas iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e a tecnoloxía en Galicia. A continuación, o director xeral, Darío Janeiro, presentou o informe de actividades do último ano, xunto co informe económico e os orzamentos.
Durante a sesión repasáronse algúns dos proxectos máis destacados nos que participa o dominio, entre eles as iniciativas arredor da Aceptación Universal, o proxecto para impulsar as buscas en Google en galego e o Observatorio Miradoiro sobre a rede galega.
Tamén se fixo referencia ás distintas iniciativas que apoia, como as relacionadas co Museo do Pobo Galego, o concurso de relatos (que celebrará a súa décima edición en 2027), o patrocinio das feiras de autoedición ou o recente convenio de apoio ao galego de Asturias, entre outras.
A asemblea aprobou por unanimidade a xestión correspondente ao último exercicio e as contas e, por último, deuse luz verde á solicitude de InvestiGal para incorporarse á asociación, unha vez comprobado que cumpre os requisitos establecidos nos estatutos.
