PuntoGal celebrará o día mundial da Aceptación Universal cunha xornada na Coruña

xoves, 20 de marzo do 2025 Redacción

PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, organiza, xunto coa ICANN, a entidade que coordina de forma internacional o sistema de nomes de dominio e asigna as direccións IP de internet, unha xornada sobre Aceptación Universal ou Universal Acceptance (UA), principio que garante que todos os nomes de dominios e correos electrónicos na Internet sexan recoñecidos e empregados correctamente en todos os sistemas e aplicacións en liña, independentemente do idioma ou lonxitude.
A sesión, na que tamén colaboran os colexios profesionais de Enxeñaría de Telecomunicacións e de Enxeñaría en Informática de Galicia, terá lugar o venres 28, desde as 10 horas no salón de graos da facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, situada no Campus de Elviña da UDC. Para acudir presencialmente ou recibir unha ligazón para poder seguir o evento en remoto é preciso inscribirse en liña.
Como salienta o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, a Aceptación Universal “promove un internet inclusivo e accesible para todas as persoas, independentemente da súa lingua ou rexión xeográfica”. De aí súa relevancia “nun mundo globalizado onde as empresas, organizacións e usuarios e usuarias de internet veñen de culturas e idiomas diversos”. “Sen a UA, moitas destas persoas e entidades atoparían barreiras ao rexistrar dominios ou ao utilizar correos electrónicos en idiomas locais”, advirte, para sinalar que a adopción total deste principio é aínda “un desafío”, xa que moitas aplicacións e plataformas web precisan actualizar os seus sistemas para recoñecer e soportar correctamente todos os nomes de dominio e correos electrónicos posibles.
“Vivimos nun mundo plurilingüístico con millóns de falantes comunicándose nas súas linguas locais. ICANN e a súa comunidade traballan para permitir a esas persoas navegar por internet e e comunicarse de forma efectiva online, para activar dominios e correos en linguas locais. Pero aínda que é posible ter eses dominios e correos nas distintas linguas, os softwares das aplicacións non sempre os soportan, o que obstaculiza a inclusión dixital deses usuarios e usuarias. O concepto de UA pretende facelo posible, sen importar o lugar xeográfico de procedencia ou a lingua que se empregue, o que ademais supón beneficios económicos e sociais, ao permitir a estes usuarios e comunidades acceder e conectarse con empresas, e soster as tradicións culturais propias”, sinala Theresa Swinehart, vicepresidenta senior de Dominios Globais e Estratexia de ICANN.
Conscientes do reto que supón a implantación completa da UA para a inclusión dixital de persoas e comunidades, ICANN e PuntoGal impulsan por segunda vez este evento en Galicia (cunha primeira edición, o ano pasado, en Vigo), dirixido á concienciación e á resolución de dúbidas prácticas. A xornada do venres vindeiro coincide co día que se dedica a nivel mundial á UA, e que está a promover a ICANN a través do UA Steering Group, cunha trintena de accións para a difusión da importancia deste concepto en lugares como Estados Unidos, distintos países de África, Oriente Medio, América Latina, China ou Filipinas, ademais da Coruña ou Portugal.

Programa da xornada

A xornada, que comezará ás 10 horas no salón de graos da Facultade de Comunicación Audiovisual e se prolongará ata as 14 horas, abrirase coa intervención do vicepresidente de PuntoGal, Camilo Regueiro, e contará coa presenza dos presidentes dos Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, e de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez Lorenzo. Igualmente, haberá unha representación da Universidade da Coruña. A continuación participará Geraldo Ferreira, xestor técnico dos programas de UA e Internationalized Domain Names de ICANN. Seguidamente, terá lugar a intervención do escritor Xavier Alcalá, doutor en Informática e enxeñeiro de Telecomunicación.
Despois da pausa do café, prevista para as 11.45 horas, intervirá Iván Luis Vázquez, vogal da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática, á que seguirá Edita de Lorenzo, profesora da Universidade de Vigo e secretaria da directiva de PuntoGal.