PuntoGal colaborará co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade
venres, 19 de novembro do 2021
O Museo do Pobo Galego e PuntoGal asinaron un convenio de
colaboración polo que o dominio colaborará activamente cos obxectivos do
Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). Este programa ten por
obxectivo principal a dixitalización, catalogación e difusión do patrimonio
inmaterial galego que o Instituto de Estudos das Identidades do museo puxo en
marcha en abril de 2007. Entre outras accións, o dominio realizará unha achega
económica e colaborará na difusión do proxecto.
O
APOI é un arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais e
os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O repositorio conta
con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou
baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou
etnográfica. Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada
ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou
ocasión e os datos do compilador. Toda esta información verquése nunha única
base de datos, accesible para toda a cidadanía.
O
traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a
transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible en liña, os seus contidos son
axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional, a
docencia e mesmo o lecer. Trátase dunha base de datos que recupera e garda a
memoria do pasado para convertela nunha ferramenta para o futuro.
O acto de sinatura do convenio tivo lugar
en San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, coa presenza do
presidente de PuntoGal, Manuel González e o presidente do Padroado do Museo do
Pobo Galego, Justo Beramendi.
Durante
a súa celebración, o presidente do padroado do Museo, Justo Beramendi, expresou o seu
agradecemento a PuntoGal por este apoio ao Museo do Pobo Galego e concretamente
ao esforzo que ven realizando o APOI por preservar e difundir unha parte
fundamental da nosa identidade diferenciada. E manifestou que feitos como este,
no que colaboran dúas entidades cos mesmos obxectivos básicos, son motivo de
ledicia, un incentivo máis para continuar no longo camiño de desenvolvemento e
revitalización da persoalidade galega.
Pola súa banda, o presidente de
PuntoGal, Manuel González, dixo que “Moitas veces identificamos “cultura” con
escritura, e pensamos que unha persoa culta é aquela que mellor dominio ten da
escritura e dos contidos transmitidos a través dos textos escritos. Esta non
deixa de ser unha visión totalmente reducionista do que significa “cultura”,
porque o patrimonio cultural da humanidade foi construído e difundido ao longo
da historia de maneira oral. De aí a importancia que ten preservar e dar a
coñecer os contos, os etnotextos, as cantigas, as adiviñas, a poesía popular e
todas as expresións orais que refliten os modos de vida da nosa sociedade, e
que explicitan os trazos máis importantes da nosa identidade. O patrimonio
cultural oral é un herdo que temos que conservar e preservar, porque é unha
riqueza para a nosa comunidade, pero tamén para a humanidade enteira”. Nese
sentido, “PuntoGal, que ten entre as súas finalidades a da defensa da nosa
identidade e a de dar a coñecer esta a través do ciberespazo, non tivo ningunha
dúbida en apoiar o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do MPG, unha
institución que nos seus anos de vida leva demostrado ano tras ano ser un
baluarte na defensa e difusión das diversas manifestacións da nosa cultura
popular”.
O
director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, destacou a “relevancia dun proxecto
estratéxico para a recuperación da memoria do país que encaixa á perfección coa
filosofía e os obxectivos fundacionais de .GAL”. A iniciativa, que supón unha
das achegas máis importantes que fai o dominio no seu programa corporativo,
súmase a outras que contan coa colaboración de PuntoGal, como o certame de
relatos organizado coa Real Academia Galega, as escolas de fútbol gaélico, o
respaldo á creación de contidos en galego no ámbito das novas tecnoloxías ou os
premios Spin-Off de innovación. Janeiro afirmou que “este programa de
colaboracións é unha das nosas tres liñas de actuación fundamental, xunto coa
comercialización dos dominios e a representación de Galicia nos foros da rede a
nivel internacional. Sen embargo, o apoio a proxectos coma este é o que lle da
verdadeiro sentido á existencia de PuntoGal”.