PuntoGal destaca o valor da dixitalización na preservación do patrimonio inmaterial galego

mércores, 28 de maio do 2025 Redacción

A xornada virtual organizada esta mañá por PuntoGal e o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG) puxo o foco na preservación da memoria cultural a través das TIC. Co título A dixitalización do patrimonio inmaterial, o encontro celebrouse co gallo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e do Día das Letras Galegas, este ano dedicado á poesía popular oral e ás cantareiras.
O Museo do Pobo Galego foi un dos protagonistas da sesión, a través do seu Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), un proxecto que dende 2007 dixitaliza, cataloga e difunde gravacións orais e musicais en galego. Este arquivo público, que conta coa colaboración de PuntoGal dende 2022, recolle fondos de orixe diversa, que se integran nunha base de datos accesible para calquera persoa interesada na cultura galega.
Durante a conversa interviñeron Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Isabel Vigo, técnica do APOI; Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal; e Javier Fernández, secretario técnico do COETG. Todos coincidiron en salientar a relevancia da dixitalización como ferramenta para salvagardar un patrimonio que, nalgúns casos, só subsiste grazas ás gravacións feitas por voluntarios nas décadas de 1970 e 1980.
Regueiro lembrou o valor das primeiras recollidas, nas que moitos afeccionados percorreron aldeas cunha gravadora e unha cámara para captar formas de vida que estaban a piques de desaparecer. Losada destacou que a memoria oral e os saberes tradicionais son tan importantes como os obxectos nun museo, e que conservalos mediante tecnoloxía actual permite poñelos ao dispor do público como parte viva da identidade colectiva.
Vigo subliñou que a parte visible do arquivo é só unha mostra dun labor continuo de dixitalización, codificación e custodia que medra sen cesar. Destacou tamén a aparición recente de gravacións privadas gardadas durante décadas, auténticas xoias etnográficas que agora pasan a formar parte do acervo común. Pola súa banda, Fernández fixo fincapé na utilidade do arquivo para os músicos actuais que queren inspirarse na música de raíz, e na función mediadora das TIC entre o pasado e o presente da cultura galega.
A sesión deixou patente que a dixitalización non só garante a conservación do patrimonio inmaterial, senón que tamén o reactiva como fonte de creación, aprendizaxe e identidade.