PuntoGal e Espiga colaboran para levar a creación de videoxogos ao ámbito educativo

mércores, 8 de abril do 2026 S. P.

PuntoGal e Espiga veñen de formalizar un convenio de colaboración mediante o cal a entidade xestora do dominio .gal convértese en patrocinadora do proxecto O Demo Game Jam, iniciativa de promoción da creatividade dixital entre a mocidade galega.
Espiga é unha cooperativa de xestión cultural que desenvolve proxectos innovadores no ámbito da educación, a creatividade e a divulgación cultural en Galicia. Entre as súas iniciativas destaca O Demo Game Jam, un programa que fomenta a creación de videoxogos entre a mocidade, promovendo o traballo colaborativo, o uso de ferramentas abertas e a incorporación da lingua e da cultura galega nos contidos dixitais. Desenvólvense entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato, promovendo o uso da lingua galega e de ferramentas abertas. A iniciativa inclúe actividades en centros de ensino, organización de encontros sobre videoxogos en distintas cidades galegas e a celebración dunha gala final no marco de Culturgal 2026.
Actividades
No marco deste convenio con PuntoGal, desenvolveranse diversas accións orientadas a reforzar o impacto do programa, como a organización de actividades en centros de ensino, a celebración de xornadas e encontros sobre videoxogos en distintas cidades galegas e a promoción da participación na O Demo Game Jam.
Así mesmo, ambas entidades colaborarán na difusión das iniciativas, na promoción do uso do dominio .gal e na celebración de eventos destacados como a gala final prevista en Culturgal, consolidando un espazo de encontro entre cultura, tecnoloxía e lingua galega.
Segundo declaracións de Darío Janeiro, director xeral do dominio, “grazas a este convenio, PuntoGal reforza o seu compromiso co apoio a proxectos que promoven a lingua, a cultura e a innovación tecnolóxica en Galicia”.
Pola súa banda, Mariña Soto, comentou que “grazas a este acordo, Espiga contará cun socio estratéxico para ampliar a visibilidade e o impacto do programa e reforzar a súa proxección no ámbito dixital, contribuíndo á difusión do galego e á conexión con novos públicos”.
Ambas entidades destacan que este acordo supón un paso máis na construción de sinerxías entre cultura, educación e tecnoloxía, co obxectivo común de impulsar o talento novo e a creación en galego no ámbito dixital.