PuntoGal entra no Padroado do Museo do Pobo Galego

luns, 29 de maio do 2023 Redacción

PuntoGal converteuse esta fin de semana en membro do Padroado do Museo do Pobo Galego a proposta da institución que preside Concha Losada. A asemblea, celebrada o pasado sábado en Santiago de Compostela, escenificou un paso máis na estreita colaboración e soporte mutuo que manteñen as dúas entidades.
O Padroado está integrado por institucións que traballan en prol da cultura de Galicia, especialistas en distintas áreas, empresas e representantes das Administracións públicas. O museo conta con tres clases de membros: padróns numerarios, padróns institucionais e representantes das socias e socios. PuntoGal, que forma xa parte dos padróns institucionais, nomeou como representante ao seu vicepresidente, Camilo Regueiro.
PuntoGal mantén unha longa traxectoria de colaboración co Museo do Pobo desde os seus inicios. Do mesmo xeito, o Museo apoiou ao dominio desde que deu os primeiros pasos e, de feito, lanzou un dos dominios pioneiros, museodopobo.gal.
Unha das actividades nas que PuntoGal se involucrou especialmente foi no apoio ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), repositorio público e accesible que ofrece centos de gravacións orais e musicais e os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural. O APOI conta con fondos de natureza moi diversa, como relatos, adiviñas, música, poesía ou baile, así como información relacionada musicolóxica, lingüística ou etnográfica. Igualmente, consta o traballo de campo no que se obtivo cada ficheiro, os datos do informante, o entorno xeográfico e temporal, o uso ou ocasión e os datos do compilador. Toda esta información vértese nunha única base de datos, accesible para toda a cidadanía.
O traballo que se realiza no arquivo inclúe o inventario dos soportes físicos, a transcrición, o estudo teórico das pezas, a súa catalogación e difusión. Accesible en liña, os seus contidos son axeitados para o estudo, a investigación da nosa cultura tradicional, a docencia e mesmo o lecer.

PUBLICIDADE