PuntoGal estrea unha páxina web a prol da Aceptación Universal
xoves, 25 de xuño do 2026
PuntoGal impulsa o espazo web ua.gal para que empresas, administracións, universidades, desenvolvedores e entidades sociais poidan contar cun ecosistema dixital en galego plenamente integrado na Internet global grazas á Aceptación Universal.
PuntoGal completou unha nova etapa do seu traballo arredor da Aceptación Universal coa posta en marcha de ua.gal, un espazo deseñado para achegar coñecemento, recursos e orientación práctica ás organizacións galegas. A plataforma nace tras un proceso participativo iniciado coa sensibilización sobre a necesidade dunha Internet aberta, multilingüe e preparada para a diversidade, e materialízase agora nun espazo que reúne ferramentas útiles para múltiples sectores.
A Aceptación Universal é o principio técnico que garante o correcto funcionamento de todos os nomes de dominio e enderezos de correo electrónico en aplicacións, dispositivos e servizos en liña, independentemente da lingua, do alfabeto ou da súa extensión. Isto supón que formularios, sistemas de rexistro, plataformas de correo, tendas en liña, CRM, aplicacións educativas ou ferramentas de comunicación deben aceptar sen problemas dominios novos, dominios internacionalizados e correos electrónicos con caracteres non ASCII. O espazo ua.gal traslada este desafío técnico a unha linguaxe comprensible e proporciona recursos para facilitar a súa adopción.
Inicios do proxecto ua.gal
O desenvolvemento do portal tivo un primeiro momento clave o 26 de febreiro de 2026 no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, durante a reunión de lanzamento da iniciativa. Nesa xornada, PuntoGal reuniu representantes da enxeñaría, do software libre, da comunicación, da universidade, do comercio electrónico, dos videoxogos, da investigación e da industria TIC. O encontro serviu para presentar o proxecto, detectar necesidades concretas e abrir unha primeira fase de achegas por parte dos distintos sectores implicados.
Na apertura da sesión, Camilo Regueiro, vicepresidente de PuntoGal, destacou que a iniciativa respondía á vontade de construír unha Internet na que todas as linguas e culturas teñan cabida. Pola súa parte, Xavier Fernández Fraga, secretario do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, explicou os fundamentos técnicos da UA e os requisitos que deben cumprir os sistemas para aceptar, validar, procesar, almacenar e presentar correctamente dominios e enderezos electrónicos. Durante o encontro tamén se puxeron sobre a mesa problemas recorrentes en formularios, plataformas educativas, sistemas de comercio electrónico, ferramentas de márketing e procesos de internacionalización.
A participación dos distintos axentes converteuse nun dos piares do proxecto. Empresas TIC, comunidades de software libre, profesionais do márketing, entidades educativas, asociacións de videoxogos, medios de comunicación e organismos públicos compartiron experiencias, necesidades e propostas que axudaron a definir os contidos do portal. Desta colaboración xurdiu a creación de materiais específicos para cada ámbito, entre eles listas de comprobación destinadas a avaliar o nivel de preparación dos sistemas fronte aos requisitos da Aceptación Universal.
Que se ofrece en ua.gal
O espazo web ua.gal configúrase como unha base de coñecemento aberta que reúne información sobre a Aceptación Universal, a súa relevancia para Galicia, os beneficios que achega a empresas e entidades, os estándares promovidos por ICANN e as ferramentas dispoñibles para verificar a compatibilidade dos sistemas. A web inclúe ademais contidos específicos para administracións públicas, asociacións, comercio electrónico, comunicación e márketing, cultura dixital, industria TIC, centros educativos, software libre e videoxogos.
Entre os recursos máis destacados figuran os checklists de compatibilidade UA, concibidos para que cada organización poida avaliar a súa situación de partida. Estes materiais, elaborados a partir das achegas recollidas durante o proceso participativo, permiten comprobar aspectos como a aceptación de dominios internacionalizados, a compatibilidade con TLD longos, o tratamento correcto dos caracteres Unicode ou o funcionamento de correos electrónicos non ASCII. O seu obxectivo é facilitar a detección de incidencias, establecer prioridades de mellora e avanzar cara a sistemas máis inclusivos e preparados para unha Internet global.
A implicación de PuntoGal coa UA
A creación de ua.gal inscríbese nunha traxectoria máis ampla de promoción da Aceptación Universal desenvolvida por PuntoGal nos últimos anos en colaboración con ICANN e con entidades profesionais e académicas galegas. En 2024 organizouse na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo unha xornada de sensibilización no marco do programa internacional UADay, centrada na interoperabilidade, a diversidade lingüística e a adaptación dos sistemas dixitais. Un ano despois, a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña acolleu unha nova xornada coincidindo co Día Mundial da Aceptación Universal, coa colaboración dos colexios profesionais de Enxeñaría Informática e de Telecomunicacións de Galicia.
Esta evolución permitiu pasar da divulgación inicial ao diálogo cos sectores implicados e, finalmente, á creación dun repositorio de ferramentas, documentación e recursos prácticos. O resultado é unha guía que facilita a revisión de páxinas web, aplicacións, formularios, sistemas de correo, plataformas educativas ou procesos de venda en liña.
Na presentación do novo espazo web, Camilo Regueiro salientou a satisfacción de PuntoGal por ofrecer á comunidade unha ferramenta útil aliñada co obxectivo de construír unha Internet verdadeiramente universal. Javier F. Fraga definiu ua.gal como unha guía técnica adaptada á realidade galega, con especial atención ás listas de comprobación, á codificación UTF-8, aos recursos para desenvolvedores e aos materiais divulgativos. Pola súa banda, Alejandra Reynoso, presidenta do consello da ccNSO en ICANN, destacou a importancia da UA para a inclusión dixital e para a creación de oportunidades económicas apoiadas en estándares e boas prácticas xa consolidados.
Ao acto asistiron tamén representantes de diversos sectores que participaron no proceso de elaboración da iniciativa, entre eles Iván Luis, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; Sergio Ramírez, especialista en márketing dixital; Anxo Sánchez, desenvolvedor web e membro da comunidade WordPress; María Xosé Jamardo, do Clúster TIC Galicia; e Bárbara G. Vilariño, xornalista e asesora en comunicación dixital do colectivo Davella. A súa presenza puxo de manifesto o carácter transversal do proxecto e a intención de converter ua.gal nun recurso útil tanto para quen desenvolve tecnoloxía como para quen a contrata, a comunica ou a emprega.
No peche da presentación, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, reafirmou o compromiso da entidade coa difusión da Aceptación Universal e avanzou que seguirán impulsándose novas iniciativas neste ámbito. Janeiro agradeceu o apoio de ICANN ás accións desenvolvidas en Galicia, así como a colaboración do GeoTLD Group, asociación de dominios culturais e lingüísticos que respaldou o proxecto desde os seus inicios, e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Co lanzamento de ua.gal, PuntoGal reforza o seu papel na promoción dunha rede máis aberta, diversa e preparada para a realidade multilingüe. A Aceptación Universal vai máis alá dun requisito técnico e constitúe un elemento fundamental para a inclusión dixital, a igualdade de acceso e a competitividade das organizacións galegas nun escenario global. O novo portal ofrece ás empresas, administracións, universidades, asociacións e comunidades profesionais un punto de partida práctico para adaptar os seus sistemas e contribuír a unha Internet na que todas as linguas, alfabetos e identidades dixitais poidan funcionar sen barreiras.

- Participantes da xornada de presentación de UA.gal celebrada no Museo do Pobo Galego
- Imaxe de Luis Antelo
