PuntoGal lanza servizo para acurtar enderezos: i.gal

mércores, 26 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Coincidindo coa celebración do 25 de xullo, a entidade PuntoGal uniu forzas coa firma compostelá Dinahosting e con AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) para lanzar unha importante novidade relacionada co dominio galego: unha novidade dirixida a poñernos as cousas o máis doadas posíbeis en relación a todos os que xestionemos unha web baixo o acubillo .gal. Trátase de i.gal, un servizo que acurta os nomes dos URL, codificándoos para facelos máis manexábeis e doados de enviar, compartir, publicar ou mesmo lembrar. Segundo informa PuntoGal, o servizo posibilita tamén personalizar os termos que forman parte da URL resultante, “de xeito que sexa máis sinxelo o seu uso posterior”. En definitiva, i.gal quere ser un empuxe para os dominios galegos ao tempo que os volve, coma os gadgets, cómodos de carrexar.
Como dixcemos, a iniciativa abrolla directamente da colaboración que mantén PuntoGal con Dinahosting, á que se uniu AGASOL como entidade integrada na asociación e colaboradora dende as súas orixes. A ferramenta lanzouse para celebrar conxuntamente o Día de Galicia e “dentro da política das tres organizacións de prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega”.
Segundo lembran, a saída de i.gal coincide no tempo coa promoción de PuntoGal que permite rexistrar dominios novos por un máximo de 25 euros máis IVE até o día 31 de xullo, iniciativa que podemos aproveitar a través do traballo dos rexistradores Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promo25xullo.
A promoción acompáñase do traballo gráfico deseñado especialmente pola empresa Rei Zentolo, socia de PuntoGal, con motivo do primeiro aniversario do dominio, en 2015. De feito, o deseño é unha homenaxe á revista Nós realizada con imaxes de inspiración tecnolóxica.
A entidade PuntoGal tamén tamén lembra que conta a día de hoxe con máis de 4.100 dominios rexistrados.

PUBLICIDADE