PuntoGal publica unha guía de seguridade co gallo do Día de máis que un contrasinal

venres, 10 de novembro do 2023 S. P.

Este venres 10 de novembro e de maneira conxunta con outras 38 entidades sen ánimo de lucro centradas na seguridade na Rede, a asociación PuntoGal publica unha guía que anima aos usuarios a “ir máis alá de escoller un contrasinal forte para as súas contas na Rede” e que propón unha serie de pasos preventivos para impedir os accesos indebidos aos nosos dispositivos e servizos, así como solucións para o caso de que se faga público o noso contrasinal.
Segundo explica Pungogal, a guía abéirase ao traballo que a asociación leva a cabo con diferentes socios para contribuír a facer da Internet “un lugar máis seguro” e propón accións como usar dobre autenticación nas nosas contas, facer un hábito do uso de aplicacións de autenticación, combinando o móbil con outros dispositivos e outras modalidades que impiden que ninguén teña acceso aos nosos datos sen consentimento.
“A idea de lembrar a todos os usuarios estas posibilidades nun día internacional, o dez de decembro, parte de todo tipo de institucións e empresas da Rede, que buscan así concienciar de que un esforzo extra para usar ferramentas que xa temos ao noso dispor poden facer as nosas actividades na rede moito máis seguras”, explican dende a entidade responsábel do dominio galego, engadindo que a guía está xa accesíbel en liña. Se se quere acceder á totalidade das guías que elabora PuntoGal, tanto en temas de ciberseguridade como noutras materias como a lingua ou a utilización de diferentes dispositivos, pódense consultar en dominio.gal.
Lembrar que hai dous anos PuntoGal asinou a súa incorporación á Global Cyber Alliance (GCA), a organización internacional creada en 2015 para afrontar os riscos cibernéticos e avanzar en protección tecnolóxica. O dominio foi a primeira entidade galega en sumarse a esta alianza global, dentro da súa política de reforzar a seguridade do ámbito dixital.

PUBLICIDADE