Qualcomm anuncia un modem LTE que consegue descargas a 2 Gbps

mércores, 14 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos anos temos a vista posta na futura tecnoloxía 5G, esta non será unha realidade comercial até 2020, e mentres o 4G ten moita marxe de mellor, como vén anunciar Qualcomm, que cos seus novos modems X24 LTE estrea o LTE de Categoría 20 con soporte de velocidades de descarga de até 2 Gbps, sendo tamén o primeiro chip fabricado por un procedemento FinFET de 7 nanómetros.
Este grande avance tecnolóxico poderá comprobarse no Mobile World Congress de Barcelona, onde varios fabricantes (Ericsson, Netgear e Telstra) realizarán demostracións destas solucións de LTE Gigabit que permitirán que as compañías de telecomunicacións aproveiten moito máis as súas actuais infraestruturas 4G, maximizando a capacidade das súas redes e achegando o que podería considerarse case como un adiante do 5G.
Para poder conseguir velocidades de 2 Gbps de descarga cun modem X24 de Qualcomm é preciso manexar simultaneamente 20 fluxos LTE con diferentes frecuencias e tecnoloxías, de xeito que non todos os operadores poderán conseguir tal velocidade (dependerá das bandas das que teñan licenza de uso).
O uso dos novos modems LTE de Qualcomm permitirían gozar en contornos móbiles de velocidades de acceso á Rede equivalentes á que temos actualmente a través de liñas de fibra óptica, o que facilitaría o consumo de contidos en 360 graos, vídeos en ultra alta definición, servizos de computación na nube ou aplicacións instantáneas, abrindo moitas posibilidades de negocio e permitindo que cada vez poidamos gozar de mellores servizos con independencia de onde esteamos.

PUBLICIDADE