Qualcomm desenvolve un smartphone para a xente con deficiencias visuais

martes, 23 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Qualcomm está a desenvolver varias iniciativas (Projecto RAY e Iniciativa Wireless Reach) para promover un deseño accesible para cegos e persoas con problemas visuais, que parecen estar a ir en boa dirección, concretándose nun smartphone RAY que anuncian hoxe, e que aseguran que será doado de usar, multi-función e sincronizado coa Biblioteca Central israelí de audio libros. Aínda que actualmente xa existen móbiles orientados para o seu uso por invidentes, estes dispositivos son moi caros, e dende Qualcomm optaron por basearse en Android para crear un terminal asumible, conectado á Rede e cunha interface de uso libre dunha interacción visual que actualmente xa están a probar unhas 100 persoas en Israel.
A interface do smartphone RAY permite realizar chamadas telefónicas, remitir mensaxes de texto (con opcións de lectura a viva voz), recoñecer obxectos, acceder a redes sociais, empregar asistencia remota, consumir audio libros e acceder a unha ampla oferta de lecer, atendendo así a unha demanda crecente, pois os problemas visuais medran coa esperanza de vida (o 65% dos problemas visuais corresponden a persoas de máis de 50 anos) e actualmente xa hai unha base de usuarios moi ampla para desenvolver este tipo de solucións de accesibilidade (a OMS cifra en 285 millóns as persoas con graves deficiencias visuais a nivel mundial).

PUBLICIDADE